Ditaminan o bloqueo de Goear en España

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

Despois de que se iniciase o bloqueo de The Pirate Bay en España, chégalle agora a quenda a outra importante plataforma para compartir contidos sonoros na web, Goear, á que decretou bloquear a Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo da Audiencia Nacional como medida para evitar a vulneración do copyright de preto de catro millóns de arquivos musicais subidos polos seus usuarios sen autorización atendendo a un recurso de apelación presentado por AGEDI contra un auto de hai máis dun ano no que se denegaba a suspensión do servizo.
AGEDI denunciara a Goear ante a Comisión de Propiedade Intelectual, e tras comprobarse a dispoñibilidade de numerosas referencias discográficas no servizo, instouse á compañía responsable, PC Irudia, S.L., a eliminar unha serie de contidos, o que fixeron dende os enderezos indicados, pero mantendo as cancións dispoñibles noutros enderezos dentro da súa plataforma, localizables de xeito doado a través do seu motor de busca, o que provocou unha segunda denuncia contra Goear que atendeuse a favor da parte demandante.
Deste xeito, o acceso a Goear bloquearase dende España, o que tamén pecha a billa a numerosos contidos que figuran en Goear e que non vulneran os dereitos de autor, senón que empregaban esta plataforma para poder reproducir son a través da web, o que claramente prexudica a moitos usuarios, xa que a incrustación sonora carece dunha plataforma equivalente ao YouTube, que faga doado compartir audio na web.

Goear é un dos poucos servizos que facilita compartir audio na web

PUBLICIDADE