Distintas actividades introducirán aos novos no mundo da programación esta semana

martes, 13 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Até o día 18 estase a desenvolver a Semana Europea da Programación (CodeWeek), evento que está a celebrar a súa terceira edición e que en Galicia está especialmente activo grazas á colaboración da Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña, que están a apoiar esta iniciativa para amosar como se poden facer realidade as ideas coa programación, facer máis visible esta disciplina, eliminar mitos sobre a mesma e xuntar a xente con motivación para ensinar e aprender.
No caso galego podemos salientar especialmente un par de actividades no marco desta celebración, como son o Día de código no teu cole e Programadores de hoxe, magos do mañá. Esta primeira actividade é unha introdución aos novos sistemas de programación para nenos baseados en vocacións STEM (no que abordarán conceptos de programación básica, actividades de programación lúdica, deseño de xogos e robótica) e achegarase os días 14, 15 e 16 aos IES de Boiro, Brión e Carballo respectivamente; mentres que o vindeiro xoves na Facultade de Informática da Coruña desenvolverase a segunda actividade en dous formatos distintos: por unha banda Pablo Espeso impartirá un relatorio titulado Programar é divertido: Scratch como escusa para ensinar a pensar de forma orixinal, e todo o público poderá contemplar unha exhibición na que veranse un par de robots humanoides e presentarase a nova edición da First LEGO League Galicia.

En Galicia temos numerosas actividades enmarcadas na CodeWeek

Robots humanoides que poderán verse na exhibición na Facultade de informática da Coruña

PUBLICIDADE