Dispoñible unha guía en liña sobre videovixilancia e protección de datos persoais

venres, 3 de xuño do 2011 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e Anova IT, veñen de presentar, na Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI), unha Guía sobre videovixilancia e protección de datos persoais, que ten como principal obxectivo analizar as implicacións legais derivadas da instalación deste tipo de sistemas e a súa utilización en distintos ámbitos, para que as persoas ou entidades que os usen coñezan as súas obrigas e principios de actuación.
Asemade, a guía proporciona información de utilidade para toda a cidadanía sobre os dereitos que teñen respecto á captación e/ou tratamento da súa imaxe, así como a súa información de carácter persoal.
Desta maneira, as persoas usuarias da guía terán información sobre o papel da videovixilancia na sociedade, os seus límites, e as accións que poden levarse a cabo en caso de non estar conformes coa mesma.
Xunto á edición impresa da guía, os seus creadores tamén publicaron unha versión online, dispoñible en español e inglés para a súa descarga de balde nas páxinas web do INTECO e de Anova IT.
Estas guías achegan un resumo das mesmas en catalán, euskera, galego e valenciano, así como un vídeo de carácter didáctico, dispoñible na sección multimedia do Observatorio INTECO.

PUBLICIDADE