Dispoñíbel unha solución galega que converte os almacéns de mercadorías en espazos intelixentes

martes, 8 de marzo do 2022 S. P.

Presentación do software na Tecnópole de Ourense

Un grupo de empresa galegas vén de xuntar forzas para achegar ás firmas loxísticas as respostas que precisan ante a suba do comercio electrónico e os desafíos que isto supón para o ámbito da xestión dos almacéns. En concreto, Galvintec, Amodo e SIMER-Grumerosa achegaron para o devandito obxectivo a solución SmartGecko, un desenvolvemento que combina recursos punteiros baseados na Intelixencia Artificial para avanzar cara a un modelo de almacén 4.0 que permitan acompañar ao crecemento das vendas por Internet.
O proxecto, que acaba de ser presentado nunha xornada en Tecnópole de Ourense, é, como dixemos, froito do traballo conxunto liderado por Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño, xunto a Amodo Soluciones (empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia) e SIMER-Grumerosa. Trátase dunha das contribucións seleccionadas no Programa Conecta Hubs da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), dirixido a promover accións colaborativas entre empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a comunidade.
Segundo reflectiu a Tecnópole, SmartGecko posibilita sacar o máximo rendemento á capacidade loxística como factor crucial para dar resposta ao crecemento das operacións comerciais, sen acometer novos investimentos en espazo de almacén. Para iso, o software optimiza o sistema de xestión de almacén (SGA) ao longo de toda a cadea de tarefas que implica a xestión de ordes de pedido e o proceso de picking (a recollida e combinación de cargas que conforman o pedido dun cliente). Así, dende que se recibe un pedido, sexa por venda na canle dixital ou pola canle física, “SmartGecko é quen de administrar á perfección os recursos loxísticos da empresa, eliminando eivas de eficiencia”, engadiron fontes da Tecnópole, salientando tamén unha das grandes características do software en cuestión: o seu sistema de escaneo de mercadoría que permite a súa distribución desde o primeiro momento á canle de saída (stock, pedidos de canle física ou canle en liña). “Desta forma, evítanse movementos innecesarios de produtos no almacén, e conséguese o aproveitamento máximo da superficie loxística e do tempo do persoal encargado destas operacións, coa consecuente mellora nos custos”, explicou o Parque Tecnolóxico de Galicia.
En canto ás mercadorías en stock, a solución posibilita a localización e xestión de artigos “dentro dun modelo de almacén caótico”, un marco de traballo no cal a organización das localizacións non se realiza de forma ordenada. “O noso sistema permite coñecer a localización exacta de cada artigo e, unha vez recibidos os pedidos a xestionar, deseña automaticamente un percorrido ordenado de picking para a preparación dos mesmos, aforrando desprazamentos e tempo", detalla Anatolii Berelet, líder do proxecto.
A terceira grande innovación que ofrece este software busca liberar as mans das persoas asignadas ao picking, descargándoas das tarefas de rexistro que poden automatizarse, e logrando unha maior precisión e axilidade na recollida de produtos, con menor esforzo, maior ergonomía e liberdade de movementos.

PUBLICIDADE