Dispoñíbel unha ferramenta que posibilita o seguimento dos bosques vía satélite

martes, 8 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O ceo abre unha manchea de posibilidades para o coidado do medio ambiente. Se os días pasados falamos do impulso ao proxecto da Universidade da Vigo para facer seguimento dos nosos montes vía satélite e localizar de maneira efectiva incendios forestais (o proxecto Fire-RS), hoxe soubemos da posta en marcha dunha nova ferramenta xeoespacial que posibilitaría o rastrexo do uso das terras e máis os cambios sufridos pola paisaxe. A ferramenta foi desenvolvida e lanzada pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación) e a NASA, co apoio de Google Earth e o Programa SilvaCarbon do Goberno de Estados Unidos.
Chámase Collect Earth Online (CEO) e serve de ampliación (e amplificación) da operatividade de Collect Earth de Open Foris da FAO, un recurso que sentou os alicerces para o aproveitamento das imaxes de satélite no eido da monitoraxe dos solos, os bosques e a súa posíbel destrución. Agora, a nova aplicación pon un extra de accesibilidade e democratización. De feito, trátase dun servizo de balde ao alcance da man de calquera internauta e que non precisa de instalacións nos nosos computadores ou smartphones, e que ademais permítenos esculcar con detalle e de maneira sistemática en calquera emprazamento da Terra.
Segundo reflicte a web de SOGAMA, fai posíbel a realización de enquisas, a recolección de mostras e o uso de técnicas de colaboración voluntarias. Está dispoñíbel en http://collect.earth/ e só é preciso, para tirarlle proveito, rexistrarnos na plataforma. A sociedade medioambiental galega salienta o seu potencial para afrontar os grandes desafíos climáticos do noso tempo, permitindo a administracións e todo tipo de entidades con competencia medioambiental cartografar e facer seguimento das forestas da súa contorna.

PUBLICIDADE