Dispoñíbel a versión 4.5 da aplicación iCoyote para ter sempre localizado o noso coche

xoves, 12 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Quen máis quen menos esqueceu algunha vez na súa vida o emprazamento exacto do seu automóbil. Que as rúas se complican, que son todas semellantes, que se vai pensando noutra cousa, en fin, que mesmo houbo quen chamou á policía para denunciar un roubo, e logo resultou que o coche estaba aparcadiño no seu sitio orixinal. Toda esta lea vén a conto porque no Apple Store vimos de descubrir unha aplicación que ben podería valer para evitar que o devandito aconteza. Trátase de iCoyote, unha ferramenta que vai pola versión 4.5, e que inclúe unha función que fala por si soa: onde está o meu coche?
O recurso en cuestión vén da man de Coyote Systems, empresa centrada en innovación arredor dos datos do tráfico en tempo real, achegándoos na medida do posíbel a quen teña un teléfono de última xeración. A ferramenta da que falamos, que é de balde, usa o GPS interna do smartphone, recoñecendo o estacionamento do vehículo e informando en tempo real de tódalas incidencias que o usuario poida atopar na estrada durante o seu traxecto, como por exemplo zonas de risco e de perigo, aviso de radares fixos e móbiles e de treito, “amosándolle ao condutor o número de usuarios da aplicación que estean máis próximos”. Isto é posíbel, informa a empresa, grazas á extensa base de datos coa que se conta, achegada pola comunidade de usuarios e o principal socio de Coyote, a RACC. E prosegue a empresa: “Grazas a esta versión 4.5, o condutor poderá atopar de xeito doado o seu coche logo de telo aparcado e só con activar a función checking na aplicación, a continuación do estacionamento, e reiniciando iCoyote no modo mapa no intre en que se volva ao vehículo”.
Tamén se inclúe a función SOS, que nos informa da nosa situación exacta con dirección e coordinadas, se fose preciso en caso de accidente.

PUBLICIDADE