Dispárase o uso de redes sociais entre as PEME e microempresas, pero perpetúanse fendas entre sectores

mércores, 28 de maio do 2014 Redacción

Industria presentou esta semana o seu Informe ePEME 2013, última entrega (a sexta) da súa investigación sobre o afianzamento das novas tecnoloxías das Pequenas e Medianas Empresas do ámbito estatal. O informe, feito pola Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (Fundetec) e o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), achega unha visión xeral do devandito (o nivel de implantación das TIC nas empresas) que podería cualificarse de novo compendio de datos positivos e negativos.
Así, por unha banda temos un avance moderado da evolución do uso das TIC na microempresa, proceso á alza que afecta aos principais indicadores, salientando entre estes (“fortemente”) o emprego de banda larga móbil e de redes sociais, “que experimentan avances de 13,9 e 17,5 puntos porcentuais, respectivamente”. A presenza da banda larga nas microempresas abrangue o 56,8 por cento das mesmas. A maiores, a utilización das comunidades 2.0 case foi quen de triplicarse nas empresas miúdas, pasando do 9% en 2012 ao 26,5% en 2013, situándose a menos de 3 puntos de distancia das PEME e grandes empresas.
Por outra banda, no lado negativo, segue a haber taxas moi baixas de afianzamento dixital en sectores como o de transporte e almacenamento e o do comercio polo miúdo. Ademais, só dous ámbitos avaliados (informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais e hoteis, cámpings e axencias de viaxe) acadan o obxectivo do 55% de microempresas con páxina web fixado para 2015 pola Axenda Dixital Española. Entre as principais causas destas materias pendentes, o documento continúa a citar a crise económica, “que reduciu os investimentos en tecnoloxía”, e a persistente falta de persoal con capacitación tecnolóxica, que afecta especialmente á microempresa.
Segundo o estudo, o 71,7% das firmas miúdas dispuña de computador en 2013, cun medre interanual de apenas 4 décimas, e 5 décimas creceu a presenza do acceso a Internet, situándose no 65,7%. Por sectores, os que acadan maior penetración destas ferramentas son (loxicamente) os de informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais e o sector de actividades profesionais, científicas e técnicas, con porcentaxes próximas ao 100% e apenas diferenzas entre as microempresas e as PEME e grandes empresas.
Segundo se indica, un dos eidos produtivos onde se rexistrou un importante medre da presenza de computadores e Internet foi o de venda e reparación de vehículos, con incrementos do 6,7% e o 10,2%, respectivamente.
A páxina web corporativa tamén experimenta “un leve crecemento” de 8 décimas nas microempresas, situándose no 29,4%. Neste caso, o sector de hoteis, cámpings e axencias de viaxe é o que rexistra maior penetración (74,6%).

PUBLICIDADE