Dispárase o interese da cidadanía polo desenvolvemento de aplicacións de IA en vehículos

martes, 28 de decembro do 2021 S. P.

O ONTSI (Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade) compartiu os datos máis destacados do seu novo estudo sobre as aplicacións da Intelixencia Artificial e a súa presenza (cada vez maior) entre nós (dispoñíbel en PDF). O informe, que pon o foco na opinión que a cidadanía ten sobre estas ferramentas en asistentes virtuais, automóbiles, asesoramento en compras dixitais e saúde, sitúa os ámbitos ligados á condución como as temáticas que máis interese suscitan entre a poboación, polo potencial que achegarían para mellorar até o inimaxinábel a seguridade e a eficiencia nas estradas. En concreto, a condución intelixente esperta a maior taxa de interese entre a cidadanía, cunha taxa do 55% da mesma amosando moito ou bastante curiosidade sobre estes avances.
Este ámbito ten especial pegada entre as persoas de idades comprendidas entre os 25 e 34 anos, onde o interese medio é de case 7, o máis alto entre todos os segmentos e todos os posíbeis desenvolvementos de IA.
Á hora de valorar a seguridade percibida, o 67% da poboación enquisada considera que a incorporación deste tipo de aplicacións nos automóbiles “non supón un perigo nin para os ocupantes do vehículo, nin para o resto dos vehículos ou viandantes”.
En canto aos asistentes intelixentes, o 51% da poboación enquisada mostra moito ou bastante interese polo desenvolvemento da IA neste ámbito e só ao 17% non parece que lle xere ningún beneficio a posibilidade de utilizar un asistente virtual con Intelixencia Artificial.
O índice curiosidade media da poboación pola introdución de IA nos asistentes virtuais sitúase en máis de 6. Esta puntuación é moi similar en todos os segmentos de idade poboacionais.
Respecto da implantación das tecnoloxías con capacidade para analizar información a gran escala e tomar as mellores decisións en materia de compras, tamén de recomendación (o que se coñece como tecnoloxías prescriptoras), o estudo sinala que o interese xerado é “o máis baixo entre todos os elementos analizados”. Así, só o 29% de cidadanía considérao interesante fronte ao 33% que o valora como nada interesante.
No que atinxe ao ámbito médico, o observatorio ONTSI explica que o 41% dos enquisados sitúase a favor da aplicación da IA no ámbito médico. A poboación menor de 35 anos é a que se mostra máis favorábel á súa implementación, “xa que considera que sería algo moi ou bastante interesante de face ao diagnóstico e seguimento de pacientes”. Pola contra, o 26% da cidadanía non se mostra moi partidaria de aplicar a IA no medicamento.

PUBLICIDADE