Dispáranse as descargas de TikTok

luns, 5 de novembro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán Bytedance Technology sorprendeu transformando a súa popular aplicación móbil musical.ly en TikTok, unha xogada un tanto arriscada que finalmente saíu ben, como demostra o elevado nivel de uso que está a conseguir esta aplicación entre o público mozo, cun incremento de descargar a nivel mundial do 20%, que nos EE.UU. chegou até o 25%. De feito, TikTok actualmente é unha aplicación máis descargada que Facebook, YouTube, Instagram e Snapchat, sumando uns 130 millóns de usuarios e sen parar de medrar.
Esta ferramenta permite crear vídeos de 15 segundos, principalmente musicais, que buscan así manter a demanda de contidos de consumo rápido como no seu día facían Vine, Instagram e a propia musical.ly, confirmando que continúa a haber un grande mercado para estes formatos breves.
Entre as claves do éxito de TikTok está a posibilidade de publicar reaccións ao carón do clip de vídeo orixinal, facendo que esta plataforma gañe moita popularidade ultimamente, recuperando unha tracción que parecía ter perdido.

As reaccións son unha das novidades de TikTok que están a ter mellor aceptación

PUBLICIDADE