Disney xestionará unha canle de TDT en España

xoves, 14 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

José Manuel Vargas e John Hardie durante a sinatura do acordo entre Vocento e Disney

The Walt Disney Company Iberia asinou un acordo con Vocento de xeito que se fixo cun 20% adicional de Net TV para acadar o control accionarial da canle de televisión dixital terrestre (completando o 55% das participacións) o que a xuízo do conselleiro delegado de Vocento, José Manuel Vargas, «demostra o interese de Disney polo desenvolvemento da TDT».
Pola súa banda, John Hardie, vicepresidente executivo de Walt Disney Television Europe, Middle East and Africa, sinalou que a súa estratexia «consiste en ampliar ó máximo posible a distribución da nosa programación e este acordo é un paso máis cara a ese obxectivo. Consideramos que a TDT nos ofrece unha excelente oportunidade de negocio para o futuro e estamos encantados de fornecer a nosa presenza no mercado televisivo español con este acordo».
A operación permitirá que Disney xestione os contidos dunha das canles televisivas en TDT de Vocento, da que aínda non están definidos os contidos (nin se a canle cedida será Net TV ou Fly Music).

PUBLICIDADE