Disney+ amplía o seu catálogo con Star

martes, 23 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Chegou o 23 de febreiro e Disney+ recibiu en Star, un curioso xeito de ampliar o seu catálogo de contidos con filmes e series para público adulto, que prefiren segregar como unha marca separada que facilita a comprensión do seu sistema de control paterno, aínda que tamén pode entenderse que é un xeito de dar unha grande visibilidade ao incremento do catálogo dispoñible para así xustificar unha suba de prezo do servizo en 2 euros/mes ou 20 euros/ano.
Con Star a plataforma de vídeo baixo demanda de Disney recibe series como Prison Break ou Mujeres Desesperadas, sagas como Alien ou Predator, e incluso filmes de superheroes que deixaran á marxe de Disney+ por considerar que non eran aptos para menores (como Deadpool); e a todo isto iranse engadindo producións exclusivas baixo o selo Star Originals.
Aínda que Disney+ chegou decepcionando polo seu reducido catálogo de contidos e a grande ausencia de novidades cada mes en contraste co frenético ritmo de Netflix, a pandemia provocou un cambio de rumbo, facendo que Disney apostase dun xeito moi decidido polo dixital, e tras o anuncio de numerosas series de Marvel e Star Wars, así como coa chegada de Star enténdese que esta plataforma pode chegar a manter o seu crecemento pese a custar agora 8,99 euros/mes.

PUBLICIDADE