Directivos e empresarios da CEL coñeceron de primeira man a actividade do CTIC, en Xixón

venres, 20 de febreiro do 2015 Redacción

Un grupo de empresarios de Lugo achegáronse este xoves a Xixón para coñecer de primeira man as dependencias, os obxectivos e o traballo a pé de campo da Fundación CTIC, Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación. A visita da representación galega, que veu acompañada do secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, inseriuse nas actividades do acordo de colaboración asinado recentemente entre CEL e a Fundación CTIC, un acordo dirixido a impulsar o desenvolvemento de accións conxuntas no ámbito da innovación e as novas tecnoloxías dirixidas ás PEME e microempresas lucenses.
Sinalar que o CTIC é unha entidade con ampla traxectoria de traballo ligado ao desenvolvemento e difusión de novas tecnoloxías, ademais de ser a oficina de referencia na xestión de fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos de innovación e TIC no ámbito nacional e internacional.
Pablo Priesca, director xeral de CTIC, Eva Castaño, responsábel da liña de Competitividade e PEME e Miguel Ángel Acero, xestor de proxectos da liña de Competitividade e PEME, foron os anfitrións dos representantes da CEL neste centro tecnolóxico, no que puideron visitar o seu laboratorio, espazo demostrador no que están instalados prototipos de diferentes liñas de especialización e de traballo de CITC no ámbito da innovación tecnolóxica.
No laboratorio tiveron a oportunidade de informarse dos ámbitos de especialización de CTIC e os proxectos nos que esta entidade está a traballar en áreas como mobilidade e análise intelixente de datos. Na área de xestión empresarial achegáronse tamén ao funcionamento de aplicacións para a xestión integral do proceso de seguimento de produtos no sector cárnico, así como para a xestión de persoal en labores de mantemento. Igualmente, deron conta das oportunidades de realidade aumentada que achegan as Google Glass ou as lentes de realidade virtual Oculus.
Logo da visita ao laboratorio, engaden fontes da confederación lucense, desenvolveuse un encontro de traballo “para explorar vías de colaboración entre CEL e Fundación CTIC e identificar iniciativas concretas para dinamizar a innovación e a implantación de solucións tecnolóxicas no tecido empresarial de Lugo”.

PUBLICIDADE