Directivos TIC de toda España achegan en Compostela as súas claves de éxito

mércores, 3 de novembro do 2010 Raquel Noya

“Nin somos grandes, nin somos líderes…” son as palabras coas que José Ramón García González, o presidente executivo de Blu:sens daba comezo a súa intervención na Convención Nacional de Directivos de APD que se está a celebrar estes días no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela e que reúne a máis de 1.500 directivos de todo o eido estatal.
Son palabras que ben poderían ser empregadas por calquera outro executivo que represente a unha empresa de tan só oito anos de vida (os que ten a galega Blu:sens) porén non calquera pode continuar dicindo que “a día de hoxe cada ano incrementamos os nosos beneficios de xeito exponencial”, como apuntou García González no seu relatorio.
E é que o segredo desta firma, que naceu con tan só 3.000 euros iniciais de presuposto, é a súa aposta pola I+D+i e pola internacionalización.
Nun sector no que en menos de 6 meses todo produto queda obsoleto, “é moi importante”, en palabras do presidente de Blu:sens, “ter un departamento de innovación que busque a fórmula de destacar, de posicionarnos, de atopar esa cualidade que nos diferencie do resto”. Iso é algo que Blu:sens, por citar unha das moitas empresas que no noso país apostan pola diferenciación, xa ten acadado, dirixíndose a un público mozo que vai dos 15 aos 40 anos, e que se interesa polas novas tecnoloxías e Internet.
Asemade, outra das claves para trunfar neste difícil mundo é apostar pola internacionalización; neste senso, pensar en internacionalización é pensar en globalidade, e pensar en globalidade é pensar en adaptarse a cada mercado local sen miramentos.
Emprendemento, diversificación, innovación, produtividade, tecnoloxía…, entre outras, son palabras que se repetiron unha e outra vez durante as intervencións dos relatores, entre os que se deron cita Josep Piqué, presidente de Vueling; Javier Rodríguez Zapatero, director de Google España; Rafael Miranda, presidente da Fundación Endesa; Javier Monzón, presidente de Indra; Marcos de Quinto, presidente de Coca Cola España e Portugal, ou mesmo María Garaña, presidenta de Microsoft España que falou sobre o poder de adaptación das empresas e concretamente do eixo de actuacións da empresa que representa.

Directivo probando a aplicación de golf Qurius Green

Como espazo complementario aos diferentes paneis que constituían a Convención, APD habilitou unha área After work, un espazo no que os participantes podían realizar diferentes actividades de carácter lúdico destinadas a promover o traballo en rede (networking), interactivas e participativas, ao tempo que desconectaban e clasificaban a información recibida nas súas cabezas.
Asemade, os asistentes á xuntanza tiveron a oportunidade de fozar, por vez primeira, na nova aplicación Microsoft Surface, que permite o manexo dun computador a través do tacto, os xestos das mans e mesmo co efecto de obxectos físicos emprazados sobre a pantalla, e mesmo xogar ao golf grazas a Qurius Green, unha reprodución a escala en moqueta dun campo real habilitado para este deporte. O espazo After Work completábase coa mostra Galiciadixital, da Secretaría Xeral de Medios, un recinto para o lecer dixital no que se ofrecen, entre outras moitas cousas, visitas virtuais á Catedral de Santiago e mesmo a posibilidade de manexar o botafumeiro. Amais de todo isto, firmas galegas de primeira liña como a operadora R ou Estrella Galicia patrocinan cadanseus espazos dirixidos a impulsar o traballo en rede entre os asistentes á Convención.

PUBLICIDADE