Dimensiona vai pór en marcha iniciativas de turismo rural galego con GPS

luns, 9 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O turismo rural e o emprego das novas tecnoloxías poden facer bo caldo. Falando seriamente: o segundo pode incrementar en boa medida a competitividade do primeiro. Así o entenden dende hai anos unha chea de establecementos hoteleiros galegos, malia teren que loitar contra unha infraestrutura de acceso á Internet fóra das cidades e das vilas abondo precaria. Neste senso, o emprego de GPS tamén é un valor engadido de primeira orde, segundo sinalou hai uns días a Consellería de Innovación, que está a colaborar coa empresa santiaguesa Dimensiona no deseño de rutas conectadas a satélite para este tipo de actividades turísticas.
Este proxecto da firma galega, que acadou unha axuda da Dirección Xeral de I+D pola súa “índole innovadora”, consiste en cinguir dous mundos que, segundo a compañía, teñen moito máis en común do que semella a primeira a vista: o eido das novas tecnoloxías e das guías turísticas tradicionais. Deste xeito, Dimensiona poría ó alcance dos usuarios manuais e folletos en papel sobre as posibilidades turísticas de determinadas áreas acompañadas por indicacións para facer emprego dun sistema GPS, a ferramenta de localización vía satélite ideal para itinerarios por lugares afastados.
Segundo informa Innovación a través da Dirección Xeral de I+D, “a idea de confeccionar estas rutas xorde da valoración das posibles aplicacións da tecnoloxía GPS, tendo en conta a precisión, a popularización e o abaratamento de custes deste sistema na actualidade”. Asemade, Dimensiona sinalou os días pasados que detrás deste desenvolvemento hai un estudo pormenorizado das características do turismo rural galego, moi axeitado para persoas que devecen por marcar distancias cos núcleos urbanos ou cos enclaves turísticos máis concorridos nas vacacións.
Cómpre sinalar que tódalas rutas parten dun establecemento hoteleiro destas características, no que se porá ó alcance dos clientes unha serie de itinearios de interese para percorrer coa axuda dun aparello GPS. A xuízo de Dimensiona, o proxecto vai ser levado á práctica en cuestión de semanas. A idea é que antes do verán haxa tres iniciativas piloto operativas, sendo o primeiro establecemento en achegar este servizo ós seus clientes a Casa Grande de Vilanova no concello da Estrada (na imaxe).
No proxecto tamén está a traballar a firma con sede en Compostela Dehistoria, achegando colaboracións de tipo documental. É dicir: as guías vinculadas ó emprego de GPS non van informar só do itinerario en si mesmo e das súas características técnicas, senón que incluirán abondosos datos sobre a historia, a cultura e a etnográfica dos lugares no que se insiren.

PUBLICIDADE