Digitalent achegará 30 actividades para fomentar as vocacións TIC da xente máis nova
luns, 29 de novembro do 2021
O
Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent,
continúa a incrementar o seu catálogo de actividades para o curso
2021/2022. Faino,
segundo comunicou esta fin de semana a axencia autonómica AMTEGA,
con 29 novas iniciativas “lideradas integramente polas empresas
asinantes do Pacto Dixital de Galicia”, todas elas dirixidas a
“estimular o talento precoz no ámbito das novas Tecnoloxías da
Información e a Comunicación”.
A
axencia que dirixe Mar Pereira engade que este programa de actuacións
van dirixidas, nun plano máis específico, a “motivar as vocacións
científico tecnolóxicas entre os máis pequenos e pequenas a través
de accións lúdico-formativas como charlas, obradoiros, concursos ou
visitas didácticas que permitirán ao alumnado galego familiarizarse
coas novas tendencias tecnolóxicas ao tempo que mellorarán as súas
destrezas e capacidades dixitais avanzadas”.
Ademais,
promoverase a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos
perfís dixitais especializados que demanda o mercado laboral, con
iniciativas dirixidas á comunidade universitaria e á formación
profesional.
Haberá,
máis polo miúdo, accións formativas, obradoiros, workshops,
competicións e novas convocatorias para premios aos mellores
Traballos de Fin de Grao e Mestrado.
Arrincan
as sesións de Tecnólog@ por un día
Pola
súa banda, a AMTEGA segue a fomentar ás vocacións STEAM (acrónimo
en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas)
entre os máis novos coa posta en marcha da quinta edición do
Programa Tecnólog@ por un día. A primeira convocatoria para
este ano, xa en curso e marcada pola volta á presencialidade,
recibiu máis de 200 solicitudes de inscrición.
Durante
os meses de novembro e decembro, as persoas seleccionadas visitarán
as instalacións das empresas do sector TIC galego que colaboran
nesta actividade para desfrutar dunha xornada de traballo da man de
profesionais voluntarios, o que “permitirá mellorar a visión que
os rapaces e rapazas teñen das profesións científico-tecnolóxicas”,
explicou AMTEGA.
Webinars
TransformaTech Sessions
Doutra
banda, entre as novidades para o curso 2021/2022 destaca o próximo
lanzamento do ciclo de seminarios en liña TransformaTech
Sessions, destinadas tamén a fortalecer as capacidades TIC da
nosa mocidade. Esta iniciativa, “deseñada nun formato en liña
altamente participativo”, permitirá a interacción entre os
asistentes e os relatores convidados, expertos e expertas nas
tecnoloxías disruptivas de maior impacto na actualidade, que
resolverán as dúbidas formuladas en relación á temática exposta.