Digitae mellora o seu servizo de aluguer de DVD a través da Internet

luns, 9 de outubro do 2006 Marcus Fernández

En 1999 o sistema de aluguer de películas a través da Internet sito nos EE.UU., NetFlix, revolucionaba o sector establecendo un modelo de cotas mensuais de películas en formato DVD de xeito que os seus clientes poden ter un número determinado de películas no seu poder, que as reciben e as devolven por correo ordinario, de xeito que nunca teñen que pagar sancións por demora na súa entrega (nin gastos de envío), e poden acceder a un catálogo de milleiros de obras sen ter que desprazarse a un grande videoclub.
O negocio de aluguer por correo de películas chegou a España emulando o éxito norteamericano, especialmente da man de MediaXpress, que terá que competir agora co servizo mellorado de Digitae, que xa non só ofrece máis de 6.000 películas para os seus máis de 4.000 usuarios, senón que permite a visualización de máis de 1.000 trailers, a consulta mediante fluxos RSS das películas na nosa listaxe de preferencias ou na nosa posesión, e incluso incorpora un limitador de idade para controlar o aluguer de cine por parte de menores en función da cualificación de cada película.
Para que os usuarios se acheguen a este novo xeito de alugar películas lanzan unha promoción de 15 días de proba do servizo por 1 euro, tralo que deberían pagar entre 17,50 e 31,90 euros/mes segundo queiran ter entre 2 e 5 películas no seu poder respectivamente.

PUBLICIDADE