Digi supera os 6 millóns de clientes

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Evolución do número de clientes de Digi

O operador Digi, de grande crecemento no mercado español durante os últimos anos e cunha notable presenza en Galicia (especialmente nas poboacións nas que ten rede de seu), vén de presentar os seus últimos resultados trimestrais, nos que recollen un crecemento de clientes un 32% superior ao mesmo período do ano anterior, pero o máis salientable é que o incremento en máis de 337 mil clientes no terceiro trimestre do ano, superando os 6,1 millóns de usuarios.
Concretando, ao peche de setembro Digi conta con máis de 4,45 millóns de clientes de telefonía móbil, máis de 1,24 millóns de clientes de fibra e máis de 402.000 clientes con telefonía fixa, facturando 166 millóns de euros no trimestre. Facendo contas con respecto aos primeiros 9 meses do ano os ingresos de 465 millóns de euros supoñen un incremento interanual do 30%, mentres que o beneficio bruto de 92 millóns de euros supón un 82% máis que o mesmo período de 2022.
Cómpre constatar que Digi tamén está nun proceso de espallamento da súa rede de fibra óptica que supuxo investimentos de máis de 231 millóns de euros nos primeiros 9 meses do ano, o que permítelle ofrecer uns prezos moi agresivos e a posibilidade de achegar conexións de até 10 Gbps aos fogares (tendo iniciado xa probas de conexións de até 50 Gbps).

PUBLICIDADE