Digi mellora as súas tarifas e acorda a compra de varias frecuencias de telefonía móbil

martes, 12 de decembro do 2023 Marcus Fernández

O operador Digi está de actualidade por dúas grandes novidades: renovación das súas tarifas e o peche dun acordo relativo á fusión de Orange e MásMóvil.
O máis inmediato claramente é a actualización das súas tarifas, aínda mellores do que xa eran actualmente, xa que as tarifas Digi Ilimitado e Digi Combo dobran o seu volume de datos móbiles (50 e 100 GB respectivamente) sen incrementar o seu prezo.
No caso de clientes que teñan Digi Ilimitado e Digi Combo de 50 e 100 GB non só melloran a súa velocidade, senón que tamén reducen o seu prezo a 13 e 16 euros respectivamente, como tamén fai a tarifa IlimiTODO (que inclúe voz e datos ilimitados) que baixa até os 20 euros.
As novas tarifas aplícanse de xeito automático aos clientes actuais e tamén poderán beneficiarse das mesmas os clientes novos, destacando o feito de que estes prezos son definitivos, e non responden a promocións temporais.
A nivel estratéxico Digi tamén vén de anunciar que pechou un acordo con Xfera (sociedade pertencente a MásMóvil) para a adquisición das licenzas de uso de varios bloques de frecuencias as bandas de 1.800 MHz, 2.100 MHz e 3.500 MHz por uns 120 millóns de euros. Esta operación buscaría que Orange e MásMóvil non superase o máximo legal de frecuencias de telefonía móbil explotadas unha vez que ambas compañías se fusiones, ou sexa, que buscaría pór as condicións para que a Comisión Europea autorice a fusión de ambas compañías.
O mesmo acordo incluiría unha opción para que Digi no futuro puidese ter un acordo de roaming nacional con Orange e as súas compañías asociadas (MásMóvil), ou sexa, que Digi xa non se limitaría a operar a través da rede móbil de Telefónica.
Dado que sabemos que nun par de anos remata o acordo de Digi con Telefónica, e que Zegona tamén recoñece que Vodafone ofrecerá a súa rede ao operador emerxente, prepárase un escenario de grande incerteza, na que Digi terá todas as portas abertas á hora de chegar a acordos e, como mínimo, terá unha posición de forza á hora de negociar a renovación do seu acordo actual.

PUBLICIDADE