Digi estrea fibra a 10 Gbps

xoves, 9 de setembro do 2021 Marcus Fernández

O operadores de telecomunicacións Digi destaca principalmente polos seus prezos agresivos, pero nesta ocasión conseguiu chamar a atención por adiantarse á competencia na comercialización de liñas de fibra óptica a velocidades normalmente afastadas do mercado de consumo, xa que estrea a fibra PRO-DIGI de até 10 Gbps de velocidade por só 30 euros/mes.
Esta nova conexión simétrica que realmente ten unha velocidade máxima de até 8 Gbps está dispoñible inicialmente ás zonas de fibra SMART da Comunidade de Madrid, ou sexa, que ten unha cobertura extraordinariamente limitada, polo que podemos entender que basicamente estamos ante un produto que busca fixar os ollos dos consumidores sobre esta compañía baixo a promesa de que ofrecerá a fibra máis rápida do mercado a un prezo moi axustado.
Estas novas conexións de Digi chegan acompañadas por un router XGS-PON, que permite aproveitar ao máximo este tipo de liña, contando con portos de 2,5/10 Gbps e con conexións sen fíos Wi-Fi 6, aínda que estas conexións de grande velocidade non só conseguirían grandes velocidades de descarga, senón que tamén se caracterizarían pola súa reducida latencia, converténdose en ideais para tarefas como xogar en liña, o que sumado á elevada capacidade de achega de contidos á Rede tamén fai que sexan magníficas solucións para realizar retransmisións de vídeo en directo.
O lanzamento paulatino de Digi é xa unha marca da casa, e ao igual que tardou un par de anos en pasar de ofrecer os seus servizos de fibra en Madrid até que chegou a Galicia, coas conexións de 10 Gbps espérase algo semellante, aínda que desta volva o espallamento probablemente sexa aínda máis lento, xa que a demanda real deste tipo de tarifas é anecdótica, xa que os consumidores carecen de hardware que poida aproveitar estas conexións.

PUBLICIDADE