Dezasete mozos formáronse en Lugo en animación 2D e 3D

luns, 19 de decembro do 2022 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, fixo entrega dos diplomas aos dezasete mozos e mozas que completaron o Curso de Animación 2D e 3D, que se desenvolveu no marco dun convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación INCYDE, co-financiado pola UE a través do Fondo Social Europeo. Méndez deu os parabéns aos participantes e animounos a seguir formándose “nun dos sectores con maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España, ligado ao desenvolvemento de videoxogos; un eido profesional que demanda perfís con formación especializada”.
Seguindo este fío, a rexedora explicou que “a través deste programa buscamos facilitar os coñecementos necesarios aos mozos e mozas, de xeito que reúnan as mellores condicións para optar a un posto de traballo neste campo profesional”.
A acción formativa desenvolveuse dende o pasado 24 de outubro, durante sete semanas, en formato semipresencial con titorías individuais tamén nese dobre formato. Os beneficiarios e beneficiarias do programa foron mozos e mozas menores de 30 anos, desempregados e rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O contido do programa abrangueu as principais disciplinas vencelladas co sector para introducíronse os participantes no mundo do videoxogo e a animación. Trátase dun sector en expansión na industria do entretemento e en moitas outras áreas (publicidade, infoarquitectura, audiovisuais, educación, investigación científica…), explicaron dende o Concello de Lugo.

PUBLICIDADE