Deteñen ao blogueiro que filtrou 9 temas do vindeiro disco dos Guns N’ Roses

xoves, 28 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Kevin Skwerl Cogill, autor do blog Antiquiet

O pasado mes de xuño un blogueiro publicou na web 9 temas do disco dos Guns N’ Roses Chinese Democracy, aínda non publicado, polo que o pasado xoves o deseñador de páxinas web de 27 anos Kevin Cogill recibiu unha visita do FBI e foi arrestado baixo sospeitas de violación da lexislación federal sobre dereitos de reprodución.
A filtración dos temas levou á súa difusión a través de redes P2P, polo que a súa retirada posterior do blog non evitou que os agardados temas circulasen por todo o mundo, de aí que o tema poida chegar a ser moi grave para o autor do blogueiro de Los Angeles, actualmente en liberdade baixo unha fianza de 10.000 dólares, e citado a declarar o vindeiro 17 de setembro.
Cogill podería ter que facer fronte a unha pena de ata 3 anos de cadea e 250.000 dólares de sanción, aínda que iso só sería a causa criminal, posto que os Guns N’ Roses poderían solicitar danos pola vía civil, de xeito que os cartos a pagar por parte do autor do blog Antiquiet ascenderían a máis de 1,3 millóns de dólares, aínda que confía en que a formación musical non avance nesta dirección e perdoe o roubo dos temas que, por outra banda, axudou ao grupo a acadar a atención dos medios nos últimos meses. Non esquezamos que o responsable da filtración das cancións tería imposible pagar as sancións impostas de resultar culpable, e se os Guns N’ Roses levasen a último termo a causa contra el poderían empeorar a súa imaxe, pasando a ser os novos Metallica.
Kevin Cogill asegura que filtrou os temas porque cansara de agarda a que Axl Rose e a discográfica publicasen finalmente un disco que levaba moito tempo rematado e polo que os afeccionados levan agardando máis de 13 anos. Dende a Industria musical deberían comezar a aprender que as filtracións son inevitables cando os discos circulan por moitas mans antes do seu lanzamento oficial, e no panorama actual deberían extremar as precaucións para evitar que o día da estrea un disco non sexa xa vello.

Axl Rose durante unha actuación dos Guns N’ Roses

PUBLICIDADE