Deteñen a unha parella por minar criptomoedas en ordenadores de tendas

martes, 23 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Material incautado polos Mossos

Os Mossos d’Esquadra de Tarragona detiveron a unha parella que empregaba ordenadores á venda en El Corte Inglés e MediaMarkt para minar criptomoedas por control remoto, práctica que sorprendeu bastante, xa que até o momento os delitos relativos ao minado de criptomoedas limitábanse a granxas de servidores alimentadas conectándose ilegalmente á rede eléctrica.
Os detidos descubertos en Tarragona, nun establecemento de MediaMarkt, accedían a ordenadores gaming dos establecementos comerciais, equipados con potentes tarxetas gráficas que os facían axeitados para minar criptomoedas, e instalábanlles software para poder acceder aos mesmos remotamente. A fraude cometida detectouse ao ver que os equipos informáticos tiñan problemas de rendemento e os seus ventiladores funcionaban a demasiada potencia, de aí que os revisasen e detectasen que foran manipulados.
Tras revisar as imaxes de seguridade da tenda, atoparon como a muller solicitou axuda para pór en marcha un portátil que mercara alí, o que o compañeiro aproveitou para introducir unha unidade de memoria nun dos equipos nos que introduciron o programa de minaría Nicehash e o sistema de control a distancia Anydesk. As cámaras de seguridade captaron á parella visitando o establecemento en tres ocasións.
Ante estas evidencias as autoridades realizaron un rexistro no seu domicilio, atopando varios discos duros, un barebone e un móbil dende o que controlaban os ordenadores das tendas para minar criptomoedas. Na análise pericial do móbil detectouse que nese momento controlaban 22 ordenadores de MediaMarkt e El Corte Inglés, compañías que non teñen constancia de ter padecido este tipo de delito con anterioridade.
Agora a parella está acusada por delitos de intrusión en sistemas informáticos, estafa e danos.

PUBLICIDADE