Deteñen a unha moza por facerse pasar por unha antiga amiga no Tuenti

mércores, 8 de abril do 2009 Raquel Noya

Dende logo, isto das redes sociais que tan de moda se puxeron nos últimos tempos, nunca deixan de sorprendernos; cando non son usuarios que collen nomes doutra xente sen o seu permiso, son internautas que colgan fotografías con copyright ou “amigos” que graban vídeos doutros “amigos” e os publican dando lugar a innumerables conflitos coa lei.
Desta volta, uns axentes do Corpo Nacional de Policía veñen de deter en Valladolid a unha xove de 20 anos como suposta autora dunha suplantación da identidade doutra moza na rede social Tuenti.
A moza accedeu a esta web e creou unha identidade co nome e a fotografía dunha antiga amiga súa. Unha vez creado o perfil, comezou a insertar na rede contidos “inxuriosos” contra amizades da vítima, que en canto se enterou, denunciou os feitos nunha comisaría.
Unha vez posta a denuncia, o Grupo de Innovacións Tecnolóxicas da Policía iniciou a investigación e descubriu que a “suposta autora” da suplantación da identidade tiña a intención de “desprestixiar e orixinar enemizades a través da Rede cos amigos da denunciante”; algo que a esta última lle produxo “graves problemas psicolóxicos”.
Se este tipo de aplicacións en Internet son unha arma de dobre fío para os adultos, qué non farán nas mans dun menor? É por isto que as autoridades recomendan que se vixíe o que os menores fan na Rede e se limite o acceso a determinados contidos perxudiciais para a súa integridade física e moral.
O Blog21 publicou, o pasado 29 de marzo, unha entrada sobre seguridade en redes sociais, de moita utilidade tanto para os usuarios deste tipo de aplicacións como para os pais e nais de internautas menores.

PUBLICIDADE