Deteñen a 121 persoas na meirande operación en España contra a pornografía infantil

mércores, 1 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Axentes da Policía Nacional detiveron a 121 persoas (3 en Galicia) na considerada «a meirande operación realizada ata a data» en España contra a pornografía infantil na Internet, habendo tamén outras 96 persoas imputadas (8 en Galicia) por posesión e distribución de material pedófilo na Rede.
Na operación participaron 800 policías nacionais, rexistráronse 210 domicilios de 42 provincias (6 na Coruña e 3 en Pontevedra) e interviñéronse millóns de arquivos de vídeo e fotografías nos que se chegaban a representar agresións a menores de extrema dureza.
A Operación Carrusel desenvolvida pola Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT) co apoio das brigadas policiais da Policía Xudicial das localizades implicadas iniciouse en xullo de 2007 coa colaboración da Policía Federal de Brasil, e permitiu desmantelar unha ampla rede de distribución grazas á colaboración das policías de varios países.
Durante as investigacións realizadas pola BIT localizáronse a través de redes P2P máis de 18.000 conexións distribuídas en 75 países que distribuían arquivos de contido pedófilo, das que 1.600 correspondían a España que deron lugar á identificación de 250 domicilios.
Na impresionante operación interviñéronse 347 discos duros, 1.186 CD e DVD, 36 ordenadores portátiles, 15 memorias USB, 2 cámaras fotográficas, 2 cintas VHS e 7 tarxetas de memoria, que quedan pendentes de ser analizados polos especialistas policiais.

PUBLICIDADE