Detectan un fallo de seguridade en móbiles Android que permitiría o borrado remoto dos terminais

mércores, 26 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Se ao visitar a páxina web creada por Dylan Reeve dende o móbil aparece o noso IMEI en pantalla confirmaríamos que o noso terminal está comprometido

Onte xurdiu unha información que apuntaba a que algúns móbiles de Samsung eran susceptibles a un tipo de ataque dende páxina web maliciosas que permitían o borrado completo do terminal móbil, o que conseguiu replicarse tamén en móbiles de Motorola e HTC, deducíndose que realmente estabamos ante a explotación dun fallo de seguridade do marcador telefónico de Android que corrixiuse a primeiros de ano, aínda que non todos os terminais recibiron o código correcto, de aí que aínda presenten tal vulnerabilidade.
O fallo de seguridade aproveitaría a funcionalidade que permite iniciar chamadas telefónicas dende unha páxina web para poder remitir ao móbil unha serie de carácteres especiais que corresponden a ordes para o terminal, entre as que podería estar o borrado completo do dispositivo (funcionalidade que se emprega normalmente cando se detecta o roubo dun móbil). Para saber se o noso terminal é vulnerable podemos visitar unha páxina web creada por Dylan Reeve que aproveita o fallo indicado para amosar o IMEI do noso móbil en pantalla, de xeito que se acontece tal estamos ante un terminal que precisaría dun parche de seguridade.

PUBLICIDADE