Detectado un novo caso de phishing baixo a forma de correos de Abanca

mércores, 19 de outubro do 2016 Redacción

Estes días están a advertir na Rede do que podería ser un novo caso de suplantación dunha entidade dixital para fins delitivos (o que se coñece como phishing). Desta volta, atinxe directamente a Abanca, xa que se trata dunha batería de correos electrónicos falsos que, supostamente procedentes da entidade bancaria, chegan ás bandexas de entrada dos internautas pedíndolles acceder a un enderezo para proporcionar unha serie de datos persoais e reactivaren así a súa conta (en “teoría” desactivada). Este caso de phishing foi descrito xa pola OSI (Oficina de Seguridade do Internauta) como “un falso correo que tenta apoderarse dos nosos datos de acceso para poder operar sen o noso consentimento”.
O email en cuestión, como vén sendo habitual neste tipo de malware, abrangue unha serie de elementos para facelo “verosímil” e “fiábel” de non pararnos a lelo con detemento. De feito, malia certas incorreccións de escrita, adopta en parte a forma dun hipotético correo de Abanca.
Sobre o contido, o correo electrónico contén datos simulando ser Abanca e indicándonos que pola nosa seguridade cambiaron o seu sistema electrónico e para poder reactivar a conta teremos que acceder desde unha ligazón que vén incluída no mail. Sobre a metodoloxía a seguir de recibirmos no noso correo este phishing, o máis importante é non premer en ningunha das ligazóns achegadas. Se non o borramos e cometemos o erro de premer e fornecer datos, o máis axeitado é mudar a nosa conta de acceso e poñer sobre aviso a Abanca.

PUBLICIDADE