Desvelan varios fallos de seguridade que afectarían a máis de 900 millóns de terminais Android

luns, 8 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A consultora de seguridade Check Point está a dar conta de catro vulnerabilidades alcumadas QuadRooter que afectan a dispositivos con Android que fan uso de chipsets de Qualcomm, ou sexa, a máis de 900 millóns de dispositivos, que quedarían expostos a ataques que permitirían a aplicacións maliciosas tomar un control absoluto dos dispositivos para, por exemplo, rexistrar as letras introducidas dende o terminal, realizar un seguimento da localización GPS ou realizar gravacións de audio e vídeo.
Polo momento non se sabe de ningún aproveitamento efectivo desta vulnerabilidade, o que podería adiar varios meses en xurdir, pero a cantidade de smartphones expostos é inmensa, xa que os chipsets de Qualcomm son a opción do 65% dos smartphones 4G, e o problema non poderá arranxarse até que fabricantes e operadores non actualicen os controladores de cada dispositivo, de aí a importancia de manter o noso terminal debidamente actualizado e tamén de tomar consciencia do perigo que supón a instalación de aplicación de fontes descoñecidas.
Check Point ofrece unha ferramenta para poder comprobar se o noso dispositivo é vulnerable ante QuadRooter.

Check Point achega unha ferramenta para comprobar se o noso smartphone está afectado por QuadRooter

PUBLICIDADE