Destacan no Campus de Pontevedra as vantaxes diferenciais da creación de contidos na Rede

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

O emprego do galego pode ser unha ferramenta axeitada coa que chegar a múltiples públicos a través da Rede. Esta foi unha das conclusións que este martes 7 de novembro puxeron de relevo as e os participantes en Comunica en galego, xornada impulsada pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, que tiña como obxectivo “dar visibilidade aos creadores e creadoras de contido en galego en distintas redes”, como salientou o seu coordinador, o profesor Xosé Baamonde.
O encontro contou coas intervencións de Borxa González, da comunidade Orgullo Galego; Uxío Broullón, de PodGalego, da tiktoker Leti Da Taberna e do creador da canle A Lobeira Today, Fran Bermúdez.
Con máis de 400.000 seguidores de preto de 80 países nas diferentes redes sociais, a experiencia de Orgullo Galego centrou o primeiro dos relatorios da xornada. Un dos seus impulsores, Borxa González, relatou a traxectoria dunha iniciativa que naceu como unha páxina de Facebook e que se converteu “nunha comunidade que chega a milleiros de persoas, facendo contidos exclusivamente en galego”, o que demostra, sinalou, que o idioma “non é un atranco”, senón “unha ferramenta que pode axudar a chegar a moitísima xente” e coa crear todo tipo de contidos.
A importancia que ten nese senso xerar contidos de diferentes temáticas e tipoloxías de cara a mostrar que o galego é un idioma “tan válido como calquera outro” foi unha das cuestións salientadas a continuación por Uxío Broullón, un dos fundadores de PodGalego, un espazo nacido hai máis de 15 anos co obxectivo de reunir nun mesmo portal todos os podcast en galego, que aglutina a día de hoxe máis de 130 espazos, “de todas as temáticas que te poidas imaxinar”.
“O galego na Rede pode ter a mesma utilidade que calquera outra lingua en todos os contextos”, engadiu Leticia Mirás, a impulsora da canle de TikTok Leti Da Taberna, con máis de 20.000 seareiros. Nesta canle achega unha serie de pezas marcadas por un “humor moi particular” e polo uso da retranca, o que levouna incidir en que “fóra do galego, o meu contido non tería sentido”. Nese senso, subliñou tamén que o uso dun idioma “non lle vai dar valor por si só” aos contidos, mais tamén recalcou que “hai cousas que podemos transmitir mellor na nosa lingua.
A sesión pechou da man de Fran Bermúdez, impulsor da canle A Lobeira Today, que centrou a súa intervención en presentar a asociación cultural Obradoiro Dixital Galego. “É un aglutinador das tres grandes comunidades galegas de creación de contido, PodGalego, Twitch en galego e Youtube en galego”, explicou dunha iniciativa que busca fortalecer o “tecido” de creadores e creadoras de contidos. Lembrou tamén que esta asociación conta cun espazo web onde o alumnado pode coñecer que tipos de contidos en galego existen na rede, pero tamén “comprobar o que non hai”, lembroulles, de cara a impulsar novas iniciativas.

PUBLICIDADE