Deseucaliptización, a palabra galega do ano elixida polos internautas

xoves, 27 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente os internautas elixiron cos seus votos en liña a Palabra galega do Ano 2018. Trátase dun termo que vén moi a conto sobre as arelas da sociedade do país respecto do medio natural e dos coidados que require, poñendo de manifesto como lles gustaría aos galegos e ás galegas que fosen eses coidados: moito máis centrados en reivindicar o propio, o sustentábel e o ecolóxico. O termo elixido, por ampla maioría, foi “deseucaliptización”.
Segundo informa a Real Academia Galega, impulsora do proceso de selección xunto coa Fundación Barrié, o termo, se ben non está recollido no Dicionario da Lingua Galega, “reflicte un aspecto destacado da crecente preocupación pola xestión dos nosos montes e axústase ás regras de formación de palabras da nosa lingua”.
“Deseucaliptización” sumou 3.114 votos, máis da metade dos 5.724 votos emitidos, moi por diante das outras cinco palabras finalistas, todas elas “cunha importante carga informativa relacionada con acontecementos que marcaron a actualidade dos últimos doce meses”, sinalou a RAG, que salienta que a segunda máis votada fose “feminismo”, con máis dun milleiro de votos nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo. Este compromiso coa igualdade tamén se reflectiu na boa cantidade de votos que recibiron “sororidade” e máis “apoderamento”, o primeiro termo con 650 votos e o segundo con máis de 300.
Volvendo á voz gañadora, a RAG pon de manifesto a gran cantidade de cousas que pon de manifesto o feito de ter sido elixida. Para comezar, “fala” do desexo de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación, e non só en Galicia e no veciño Portugal, senón tamén noutros lugares do planeta como California.
A asociación Verdegaia, como lembraremos, foi unha das grandes impulsoras do termo gañador deste ano, sobre todo a raíz de que na primavera pasada comezaran a traballar en Lousame as Brigadas Deseucaliptizadoras cunha primeira intervención na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, unha fronte activista constituída xa por máis de 350 persoas que “partillan a responsabilidade das titulares de máis de 500 hectáreas de territorio unidas pola vontade común de liberar o territorio das especies exóticas invasoras responsábeis da degradación da biodiversidade e das catástrofes causadas polos lumes ano tras ano.”

PUBLICIDADE