Desenvólvese con éxito a xornada Novas Tecnoloxías e discapacidade

venres, 26 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL, que onte celebrou en Lugo, en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a xornada Novas Tecnoloxías e discapacidade, vén de dar conta do que deu de sí o evento, que arrincaba coas palabras dos presidentes da Fundación CEL, Luis García Santalla, e de COGAMI, Anxo Queiruga Vila. Ambos os dous fixeron fincapé na necesidade da visibilidade, de facerlle chegar información á sociedade dos novos progresos feitos en tecnoloxía adaptada e da utilidade destos para eliminar barreiras no mercado de traballo.
A continuación tiveron lugar as intervencións do vicerreitor do campus lucense, Carlos Herrero Latorre, e dos representantes das tres entidades colaboradoras, o responsable da Obra Social de Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez Rodríguez, a deputada provincial Regina Polín e a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, quen pediu que “non escatimemos esforzos en lograr unha sociedade máis accesible”.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, que foi o encargado de pechar o acto de presentación, tamén valorou a importancia das novas tecnoloxías como ferramenta de integración social e laboral para as persoas con discapacidade.

Puntos clave dos relatorios
Os catro relatores convidados ao evento, tal e como anunciamos o pasado mércores, achegaron puntos de vista complementarios e moi aclaratorios; porén, se cadra o que máis impactou aos asistentes foi o de Roberto Méndez, un traballador con discapacidade que se tivo que adaptar ao seu entorno laboral rompendo coas barreiras tecnolóxicas existentes.
Comezou falando Alejandro Coello García, responsable de accesibilidade de COGAMI, quen se baseou en casos prácticos para explicar os tipos de adaptacións técnicas que deben facer as empresas para contratar persoas con discapacidade e subliñou as adaptacións tecnolóxicas no traballo para este colectivo, como por exemplo as videoconferencias, a teleformación, a telefonía móbil e sen fíos e, por descontado, o ordenador, ou outros elementos concretos como o licornio, os teclados en braille, os sintetizadores de voz, o software específico, etc. Rematou dando uns apuntamentos sobre as axudas oficiais ás que se poden acoller as empresas nesta materia, procedentes das consellerías de Traballo e Benestar e de Economía e Industria, do Igape e do Ministerio de Traballo, fundamentalmente.
Para mostra dunha rama de actividade na que a integración ten moitas posibilidades de facerse realidade, Roberto Méndez Pérez repasou, no relatorio Caso de éxito dun traballador con discapacidade, a súa traxectoria laboral e experiencia vital dende o seu paso por unha escola especializada en París ata o seu ingreso en Intre-Solucións, en Lugo, como contable.
As dúas últimas charlas tiveron un fío condutor, a empresa Limaia Produccións. O seu promotor, José Carneiro, insistiu nas facilidades que ofrece profesionalmente o campo da animación audiovisual para as persoas con discapacidade debido aos poucos medios que se necesitan: “unha mesa con luz e un ordenador”. De feito, cando emprendeu o proceso de selección de persoal, contratou a Francisco Javier Ferreirós López, que era o único aspirante con discapacidade, porque o seu currículo era o que mellor se axeitaba ao posto. Precisamente, Javier estivo ao seu lado e pechou os relatorios incentivando ás persoas con discapacidade do público a formarse nas NTIC, especialmente na rama da programación, que a el lle abriron as portas do mercado laboral.
Ao final destas charlas sorteouse entre os asistentes un netbook Toshiba con software adaptado.

Demostracións prácticas de software e equipos adaptados
Ao longo da mañá houbo, asemade, demostracións do funcionamento de equipos informáticos adaptados na súa totalidade e mais de equipos con hardware ordinario e software adaptado, atendidos por unha técnico de COGAMI. Así mesmo, o empresario Juan Taboada cedeu o primeiro coche adaptado para minusválidos da provincia, da súa autoescola Europa.

PUBLICIDADE