Desenvolven un software para que os turistas personalicen as súas visitas

martes, 25 de marzo do 2008 Raquel Noya

Segundo publica o último número da revista Expert Systems with Applications, científicos de diversas universidades españolas e do CSIC veñen de desenvolver un software, denominado SAMAP (Sistema Adaptativo Multi-Axente de Planificación), que lles permitirá ós turistas “personalizar” as súas visitas, ofrecéndolles diversas listaxes de actividades baseadas na experiencia doutros usuarios.
Luis Castillo, enxeñeiro informático da Universidade de Granada e un dos autores do devandito estudo, informou ao Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) que para deseñar os plans de visita personalizados “empregáronse técnicas de intelixencia artificial, unha ciencia que dota aos ordenadores de habilidades para resolver problemas que, en principio, só os humanos poden solucionar”.
A tecnoloxía empregada é, engade o investigador, “de natureza aberta e interoperable” polo que se fai moi axeitada para a súa integración en sistemas xa existentes como os portais web.
Os usuarios deben dispoñer dun acceso a Internet para poder dirixirse a unha web na que definir os seus gustos e necesidades, así como as súas preferencias artísticas, culturais e gastronómicas, o seu ritmo de vida e horarios preferidos, se teñen ou non mobilidade restrinxida ou a súa capacidade de gasto.
O software contrasta estes requisitos persoais coa información dunha base de datos turística e ofrécelle ao cliente un plan de visita “a medida” no que se exclúen aqueles detalles que non lle interesan ao usuario.
O sistema está dispoñible no que se denomina Arquitectura Orientada a Servizos (SOA), un deseño de software que permite a interoperabilidade entre diversas plataformas de xeito eficiente e flexible aos cambios.

PUBLICIDADE