Descuberta unha rede rusa que incautou xa 1.200 millóns de contrasinais

mércores, 6 de agosto do 2014 Redacción

Roubos de contrasinais na Rede ten habido moitos, pero se cadra ningún tan gordo e de tan fondas implicacións como o que vén de perpetrar, masivamente, unha rede criminal rusa. Falamos de máis de 1.200 millóns de contrasinais e dunha cantidade de páxinas web de todo intervidas e vulneradas que rolda as 420.000. O caso foi descuberto por Hold Security, compañía de seguridade informática de Estados Unidos que hai un ano xa denunciou a incautación de millóns de claves de acceso de Adobe. Segundo fixo saber este mércores dende Las Vegas na feira Black Hat, con este novo ataque procedente de Rusia, hai todo tipo de firmas afectadas: dende simples PEME a outras de meirande tamaño centradas en achegar servizos en liña do máis variado.
Dende Las Vegas, esta incursión descuberta recentemente por Hold Security supera a todo o coñecido até o de agora en materia de cibercriminalidade. A maior parte das entidades e empresas vulneradas non teñen coñecemento de que houbera alguén que lles roubase os datos persoais de acceso a servizos en liña, ou ben non fixeron ren por pórlle remedio. Á fronte de Hold Security e como responsábel principal de que o caso saíse á luz atópase Alex Holden, consultor informático e experto en seguridade que empregou boa parte dos meses recentes en amosar a implicación e a orixe do caso sen agardar nada a cambio. Holden non deu datos sobre a identidade das empresas afectadas, aínda que si que sinalou que non son de Estados Unidos.

PUBLICIDADE