Descobren na Rede máis material bélico roubado a EE UU e listo para subhasta

venres, 11 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Sabíamos que na Rede se vendía de todo, até un noivo que xa non cumpre coas súas obrigas, pero semella que o capítulo de cousas, persoas e intanxibles insólitos que se comercializa en liña é o conto de nunca acabar. Isto non tería por que ser negativo (hai un comprador para todas e cada unha das cousas que gardamos no faiado), agás cando se poñen á venda obxectos non precisamente encamiñados a mellorar o mundo nin a calidade de vida das persoas. É o caso do material que vén de descubrirse listo para subhasta en sitios como eBay e que consiste en equipos militares roubados en Estados Unidos.
Entre os equipamentos, que tanto na súa natureza como na súa procedencia a ser investigados polo miúdo pola Oficina de Supervisión do Goberno (GAO), atópanse mesmo cazas a reacción F-14 (dous) xa afastados das forzas armadas ou material para a seguridade e a supervivencia en caso de conflito nuclear ou biolóxico.
Detrás de estes obxectos, sinala a GAO nun informe, figuran sempre identidades falsas, co obxecto de cubrirse as costas no caso de que vaia adiante unha subhasta. En virtude do roubo e a posterior venda dos obxectos no eido internacional, engade o dito organismo, ben puído terse dado unha complexa situación de ida e volta que, a fin de contas, non fai máis que poñer de manifesto (unha vez máis) o absurdo de calquera conflito armado: é ben probable que moito dese armamento vendido no exterior fose empregado logo contra as propias forzas armadas dos Estados Unidos e os seus aliados.

PUBLICIDADE