Descobren material pirateado nas oficinas dos congresistas que apoian a lei SOPA

xoves, 16 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Ás veces, a persoa que máis se dedica a prohibir unha cousa logo resulta que en privado é un dos que máis practica esa cousa. Casos disto hai moitos e variados (impulsores das lei seca que logo beben unha botella tras outra, políticos que rouban, xuíces inxustos). Esta lea vén a conto porque a lei SOPA, da que temos falado nesta web para incidir nos seus obxectivos de rematar co libre intercambio de ficheiros na Rede, semella estar apoiada, en parte, por xente que a incumpre. E, ademais, incúmprea a base de ben.
Varios congresistas de EE UU, país que dá acubillo á lei SOPA e ás principais accións en conta do intercambio de ficheiros que se están a desenvolver no mundo, que ao mesmo tempo que amosaban o seu apoio á devandita lexislación resulta que tiñan unha serie de computadores en cadanseus lugares de traballo descargando filmes a esgalla a través de BitTorrent.
E todo isto co agravante de empregar computadores e IPs públicos, cousa que probablemente non se lle ocorra nin ao máis túzaro dos nosos funcionarios. Da súa man e da de outros congresistas é de onde provén, precisamente, a iniciativa SOPA, que entre outras cousas posibilitaría o peche de webs se por casualidade desen acubillo a material infractor, é dicir, algunha ligazón a filmes ou cancións protexidos. Por certo que o peche podería levarse a cabo aínda que fose un usuario non autorizado pola web sospeitosa quen enviase o dito contido. Volvendo ao caso dos devanditos congresistas, dicir que a súa responsabilidade directa na descarga de contidos foi posíbel grazas a TorrentFreak e YouHaveDownloaded, a través dun seguimento dos enderezos IP dende os que se ten apañado recentemente material protexido. Ao parecer houbo máis de 800 operacións deste tipo dende as dependencias dos membros do Congreso. Gran parte do material consiste en libros para adultos de auto-axuda ou formación para intervir en público ou para responder a preguntas enleadas nas entrevistas. Tamén se localizaron manuais que amosan consellos para conseguirmos o traballo polo que máis se devece. Igualmente, había material informático de Microsoft, series de televisión de éxito (Sons of Anarchy), cinema pornográfico, etc.

PUBLICIDADE