Descende un punto o pirateo de software en España

martes, 12 de maio do 2009 Raquel Noya

Business Software Alliance (BSA), a compañía que hai dous anos ofrecía ata un millón de dólares a todo aquel que denunciase o emprego de software pirata na súa empresa en EEUU, vén de facer públicos os resultados do seu VI Informe Global sobre Piratería de Software en 2008 que lle encargara á consultora IDC, e para sorpresa de todos, “o índice de piratería en España disminuíu un punto” (e iso que aquí non ofrecían a frioleira que daban do outro lado do charco), situándose agora nun 42 por cento.
Pese a que esta cifra segue a ser moi elevada e o noso país segue estando por enriba da media dos países do noso entorno en pirateo de software, vimos de lograr un mínimo histórico neste tipo de actividades delictivas, que se mantiñan en ascenso dende hai moitos anos atrás.
Con todo, o 42 por cento rexistrado en España indica que aínda falsificamos un de case cada dous produtos de software, unha cantidade que provoca perdas económicas de máis de 700 millóns de euros anuais.
Para loitar contra esta práctica, que segundo BSA “non só é delito senón que tamén pon en perigo os datos das empresas e os equipos informáticos das mesmas”, a devandita entidade realiza cada ano un seguimento sobre a piratería que se fai no mundo e segundo os datos extraídos do estudo de IDC deste ano, en liña co crecemento do sector tecnolóxico en xeral, e do mercado de software para PCs en particular, as perdas polo uso ilegal de software tamén medraron ata acadar os 739 millóns de euros. Isto supón un aumento dun 14 por cento aproximadamente, frente ás perdas de 648 millóns de euros rexistradas en 2007.
Como apuntamos anteriormente, España segue a estar por enriba da media dos países do noso entorno, e en concreto, o noso índice de piratería sitúase sete puntos por enriba da media da UE, recortando un punto con respecto ao ano pasado; no que respecta á media mundial, dado que ésta subiu do 38 ao 41 por cento en 2008, España situaríase por primeira vez só un punto por enriba, cando hai dous anos estaba ata 11 puntos por enriba.

PUBLICIDADE