Descende (de xeito preocupante) o número de alumnos das carreiras TIC

mércores, 2 de xullo do 2008 Raquel Noya

Un estudo elaborado pola Cátedra Eveis da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) para avaliar a situación actual e futura nas carreiras do eido das Tecnoloxías da Información vén de revelar que para o vindeiro curso 2009-2010 haberá un 32 por cento menos de titulados nas facultades de informática e telecomunicacións ca no curso 2005-2006, unha cifra que preocupa aos profesionais do sector ó ver “a chegada inminente dunha falta de enxeñeiros no sector TIC en España”.
Os alumnos que veñen de superar as súas probas de acceso á universidade están agora a decidir en que carreiras matricularse e semella que as enxeñerías xa non son tan atractivas para eles como o eran anos atrás, ao parecer e segundo as conclusións do devandito estudo, debido, entre outras cousas, “a unha mala imaxe do profesional TIC, ligada a unha percepción de baixos salarios que perciben”.
Aínda que nos últimos anos diminuíu o número de matriculados nas carreiras do eido das TIC, o número de graduados seguiu ata o día de hoxe unha “tendencia á alza (dun 18 por cento entre 2001 e 2006), froito do boom de Internet”, que fixo medrar o número de vocacións tecnolóxicas.
Nembargantes, segundo o mesmo documento, as carreiras TIC diminuíron nun 38 por cento os estudantes que escollen o bacharelato tecnolóxico.
As carreiras que rexistraron unha caída do número de estudantes de novo ingreso foron as de Informática de Xestión e Enxeñería de Telecomunicacións, que diminuíron un 44 e un 31 por cento respectivamente; mentres que a Enxeñería en Informática é a titulación que notou a “caída máis suave” cun 21 por cento menos de titulacións.
A análise recolle datos de varios estudos publicados por diferentes organizacións que expoñen que os enxeñeiros en Telecomunicacións e os informáticos son “dos titulados universitarios mellor pagados do mercado”. Pese a isto, as cousas semellan ir de mal en peor para as Enxeñerías da Información.

PUBLICIDADE