Desarticulan unha importante rede de piratería audiovisual

mércores, 25 de maio do 2016 Marcus Fernández

A Policía Nacional e a Axencia Tributaria, coa colaboración da Europol e Eurojust, desarticularon unha rede que branqueaba mediante a criptomoeda Bitcoin os beneficios obtidos polo pirateo e a distribución ilegal do sinal de televisión de pagamento (mediante cardsharing e IPTV), saldándose a operación con 30 detencións en Córdoba, Málaga, Valencia, Barcelona, Madrid, Palma de Mallorca e Lugo.
Os beneficios obtidos branqueábanse a través de produtos bancarios complexos, investimentos en inmobles, vehículos de luxo e, de xeito máis rechamante, mediante a minaría de Bitcoin, para o que tiñan unha completa rede de servidores distribuídos por varias cidades españolas que conectaban ilegalmente á rede eléctrica para evitar así os elevados custos enerxéticos do procesamento intensivo que require a minaría de Bitcoin (e cos que poderían ter defraudado 400.000 euros ao ano en fluído eléctrico).
A operación xurdiu da denuncia da empresa afectada pola clonación dos seus decodificadores de televisión de pagamento, tras o que descubriron unha serie de páxinas web rexistradas a nome de testaferros dende as que se comercializaban os aparatos ilegais. Finalmente lograron identificar a un dos responsables da vulneración dos dereitos e propiedade intelectual, un empresario na Comunidade Valenciana que dirixía un entramado mercantil propio dedicado á comercialización de decodificadores manipulados para o acceso ilegal a contidos. Posteriormente identificouse a outros membros da trama, e sóubose que o empresario identificado inicialmente pertencía a un segundo chanzo da organización, estando realmente á fronte os responsables dunha sociedade mercantil de Barcelona, dedicada á importación e venda de material eléctrico e electrónico.
Nos rexistros incautáronse en 6 centros un total de 48.800 decodificadores, 183.200 euros en efectivo, 78,3 bitcoins (uns 31.320 euros), 10 vehículos de alta gama, 4 motocicletas, un vehículo de luxo falsificado, unha avioneta, documentación bancaria e contable e material informático.

PUBLICIDADE