Deputación de Ourense e Abanca dan a coñecer a app para o pagamento de impostos

luns, 9 de maio do 2016 Redacción

A semana pasada a Deputación de Ourense e Abanca presentaron os detalles da aplicación móbil para terminais móbiles e tabletas da entidade provincial. Segundo fixeron saber, trátase dunha ferramenta que terá entre as súas primeiras aplicacións o pagamento dos impostos locais, e “sen custe adicional”. A idea, dixeron ámbalas entidades, é facilitar a vida dos cidadáns en relación ás administracións: o alicerce da chamada Administración Electrónica. Entre as vantaxes que pon en xogo a aplicación atópase a de poder ser empregada a calquera hora día e dende calquera lugar, sen ter que facer acto de presenza nas oficinas ou dependencias físicas nas que tradicionalmente cumpría presentarse. Isto significa que facer cousas como o pago dos devanditos impostos dende o noso dispositivo, no noso fogar e coas oficinas pechadas, é xa unha realidade.
No acto de posta en longo da ferramenta participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, e o director de Innovación da entidade bancaria, Eduardo Aldao. O presidente Baltar, no acto de presentación, anunciou algunha das “novidades” extra da ferramenta, que serán incorporadas ao longo das semanas vindeiras. Por exemplo, posibilitarase á cidadanía mercar publicacións da institución provincial ou entradas para espectáculos que se celebren en instalacións da Deputación.
Manuel Baltar agradeceu a Abanca “a súa implicación neste proxecto innovador e a súa capacidade tecnolóxica para pór en marcha este sistema de xestión de pago", agradecemento que fixo extensivo "ao tesoureiro da Deputación de Ourense, Miguel González, e aos servizos técnicos do ente provincial. Rubén Saavedra, pola súa banda, salientou que grazas á aplicacións os cidadáns poden pagar os impostos locais que xestiona a Deputación “de xeito rápido e sinxelo, con total comodidade, sen desprazamentos e a calquera hora do día”. E engadiu: “Con este proxecto damos un paso máis na nosa estratexia dixital, para ofrecer un servizo omnicanle, innovador e con altos niveis de calidade”.
Segundo explicaron, a aplicación permite realizar o pagamento do recibo “en dous cómodos pasos”. Primeiro, sinalaron, elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, cómpre teclear os datos do cartón para efectuar o pagamento. “A aplicación conta cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos guiándoo en todo o proceso”, fíxose saber, engadíndose que o abono de recibos é de balde, sen ningún tipo de comisión.
A app foi desenvolvida por Abanca, e está dispoñíbel dende xa (para dispositivos Android e iOS) co nome de “Deputación Ourense".

PUBLICIDADE