DepoEmprega mete nas redes sociais aos colectivos en risco de Pontevedra

martes, 14 de marzo do 2017 Redacción

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa DepoEmprega, vai organizar dous obradoiros este mes de marzo para contribuír á inserción laboral e social das persoas desempregadas da provincia. Os talleres, moi centrados nas TIC, están destinados a 60 persoas (dos concellos de Bueu, Cangas, Poio, Pontevedra e Vigo) de colectivos en risco de exclusión, abranguéndose cidadáns con diversidades funcionais ou, tamén, mulleres vítimas da violencia machista. Entre outras cousas, forneceránselles recursos e coñecementos sobre como preparar un encontro cun axente empregador ou sobre como tirar o máximo proveito das ferramentas tecnolóxico-dixitais.
A primeira das accións, A entrevista de traballo, impartirase os vindeiros 14 e 15 de marzo, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (na que participarán 31 persoas) e no salón de actos do edificio administrativo da institución provincial, en Pontevedra (con 29 persoas participantes), respectivamente, de 10:00 a 12:00 horas. Neste obradoiro, sinala a entidade que preside Carmela Silva, “prestaráselle atención ao xeito de preparar unha entrevista, a como comportarse durante esta, a coñecer as preguntas que se poden realizar no seu desenvolvemento e, tamén, a elaborar as respostas axeitadas”. Serán obradoiros participativos, con proxección de vídeos, simulacións e debates sobre experiencias reais.
A segunda das accións, A marca persoal e as redes sociais na procura de emprego, terá lugar os vindeiros días 21 e 22 de marzo, en Vigo e Pontevedra, respectivamente, (nas mesmas localizacións e coa mesma participación que nos obradoiros anteriores), de 10:00 a 13:00 horas. Os obxectivos desta acción son a creación dun perfil ou marca persoal para mellorar a visibilidade profesional e laboral dos participantes. Tamén aprenderán a manexar as redes sociais para acadar un emprazamento axeitado no mercado laboral e realizar, en palabras dos organizadores do obradoiro, “unha procura de emprego eficaz”. O obradoiro, engaden, “será práctico e vivencial, traballarase a través de dinámicas que axuden a interiorizar conceptos e practicar novas olladas de cara á busca e xeración de oportunidades laborais”.
Como lembraremos, a Deputación de Pontevedra iniciou o proceso de selección das persoas participantes en DepoEmprega 2016 o pasado mes de setembro. Estas puideron solicitar a participación directamente nas súas oficinas do Servizo Público de Emprego. Este programa ten por obxectivo mellorar a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego (concretamente búscase a integración do 35 %, é dicir, 21 persoas). Nun plano máis concreto, fornécese formación para acadar certificados de profesionalidade, prácticas en empresas e busca de postos de traballo para aquelas persoas que xa teñen estudos e experiencia laboral, ademais dun apartado de autoemprego. O programa tamén acubilla accións individuais, coas que se ofrecerá orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, adestramento, ou novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE