Denuncian que un alto cargo do bipartito xerou un gasto de milleiros de euros conectándose á Rede dende o portátil oficial

luns, 24 de agosto do 2009 Marcus Fernández

A actual conselleira de Traballo, a popular Beatriz Mato, detectou que a delegada provincial saínte en A Coruña, María Debén, xerara entre o 1 de febreiro e o 31 de marzo un tráfico de datos a través de banda larga móbil dende un portátil asignado ao seu cargo durante o bipartito que correspondería a 42.650,7 euros, que tras un desconto aplicado á Xunta quedou en 15.520,4 euros, polo que iniciaron unha investigación a fondo sobre o asunto, rematándose estes días as conversas con Telefónica para a condonación da débeda.
Debén vive nunha área rural sen posibilidade de contratar unha liña ADSL, polo que a partir de xaneiro de 2009 achegáronlle unha conexión sen fíos de alta velocidade que «utilizaba co convencemento de que estaba suxeito a tarifa plana», pero dende La Voz de Galicia pregúntanse para qué empregáronse os medios informáticos postos a disposición da delegada provincial para facer o seu traballo, como para xerar un tráfico de datos de 2,957,34 Mb durante un sábado (dando a entender que podería ter descargado 4 películas a boa calidade) e entre os días 23 e 29 de marzo sumaría unha transferencia de 13,7 Gb, cantidades realmente elevadas para unha conexión de banda larga móbil.
De todos os xeitos, as tarifas de datos que comentan parecen desorbitadas, e non coñecemos ningunha operadora que cobre tal (1,03 euros por Mbyte), pero en La Voz comentan inicialmente Debén facía uso dunha conexión de banda larga móbil normal, pero ante os seus problemas de conectividade, achegáranlle un acceso por satélite, moito máis caro.

PUBLICIDADE