Denuncian que o incidente de onte no Congreso non foi un «fallo informático»

venres, 4 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Na xornada de onte o Pleno do Congreso dos Deputados convalidou o Real Decreto-ley 32/2021 de medidas urxentes para a reforma laboral con 175 votos a favor e 174 en contra, pese a que o deputado do Partido Popular, Alberto Casero, que se atopaba confinado, votara de xeito telemático e argumentaba un fallo na súa votación por un «erro informático», o que levou a que o Consello Xeral de Colexios en Enxeñaría en Informática de España (CII) e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática de España (CONCITI) desen conta do seu rexeitamento ante o uso da expresión «erro informático» como escusa para todo.
O presidente do CII, Fernando Suárez, asegura que «a informática é, sen dúbida, a ferramenta máis democratizadora creada pola humanidade, polo tanto debemos defender esta función que mellor a igualdade entre todos, o acceso á información e unha sociedade máis xusta. Este exemplo pon de manifesto a necesidade de aplicar os conceptos éticos non só no desenvolvemento, senón no uso da informática».
Pola súa banda, o presidente de CONCITI, Eduardo Peris, salienta que «lamentamos a mención negativa á nosa profesión, que se realiza en calquera momento e ante calquera situación, e que provoca unha impresión desfavorable respecto o labor dos profesionais da informática e dos sistemas informáticos en xeral».
O CII e o CONCITI ofrecéronse á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, para realizar unha peritaxe de balde das votacións para demostrar que é un sistema transparente e fiable e que o incidente de onte non se tratou dun erro informático.

PUBLICIDADE