Denuncian que a rede WiMAX de Tomiño leva unha semana fóra de servizo

luns, 7 de novembro do 2011 Marcus Fernández

En agosto de 2007 o Concello de Tomiño e a Consellería de Innovación e Industria asinaron un convenio de colaboración para a execución dun proxecto piloto nas parroquias de Barrantes e Pinzás para a dotación dun acceso público á Internet que permitiría a un cento de usuarios acceder á Rede por uns 20 euros/mes, ampliándose o convenio en 2008 ata sumar un investimento de 167.551,40 euros aos que habería que engadir varias achegas do Concello, superándose os 170.000 euros en total sen poder dar un servizo estable aos veciños, que segundo denuncian a Asociación Veciñal e Cultural San Vicente de Barrantes e a Comunidade de Montes de Barrantes, quedaron sen conexión o pasado día 1, cando ardeu a instalación en Tomiño (concretamente no monte da Pedrada), e ante a negativa do Concello de asumir o gasto para a reposición do equipo, as parroquias de Tomiño e Pinzás quedan a escuras.
Ata o momento ningunha empresas están interesada en cubrir a rexión afectada, por non resultar rendible a súa explotación comercial, e o concurso para a explotación da rede WiMAX local aínda non foi adxudicado, o que complica a situación, provocando a frustración dos veciños, segundo comenta o secretario da Asociación Veciñas e Cultural San Vicente de Barrantes, Álvaro González Estévez, quen asegura que “vendéranolo como un proxecto innovador, que daría solución aos problemas de conexión telefónica e que nos permitiría o acceso a Internet, incluso a un prezo inferior ao do mercado”. Tamén reivindica o reestablecemento do servizo, asegurando que co investimento realizado podería terse estendido cable para que nas zonas afectadas gozasen dunhas infraestruturas como as do resto dos veciños do concello.

PUBLICIDADE