Denuncian que Facebook facilitaba a outras empresas un acceso excesivo aos datos dos usuarios

mércores, 19 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Non hai dúbidas en que 2018 foi un ano negro para Facebook, compañía que tivo que render contas en numerosas ocasións ante as súas malas prácticas relativas á protección dos datos dos seus usuarios, e non conformes en deixalo quedar así The New York Times destapa unha nova fenda na privacidade, xa que aseguran que documentos internos da compañía terían desvelado que Facebook facilitou a Microsoft, Amazon, Spotify e outras compañías un maior acceso aos datos da xente do que tiñan recoñecido publicamente.
Dende a publicación norteamericana aseguran que o buscador Bing podía acceder aos nomes de virtualmente todos os amigos en Facebook sen consentimento, mentres que compañías como Netflix e Spotify incluso terían permiso para ler as mensaxes privadas dos usuarios. Este tipo de concesións iría moito máis aló do recoñecido tras o escándalo de Cambridge Analytica, e os acordos beneficiarían a máis de 150 empresas até o ano 2017 (algún dos acordos aínda seguiría en vigor en 2018).
Dende Facebook aseguran que estes socios non abusaron dos datos os que tiveron acceso, pero cómpre lembrar que no escándalo de Cambridge Analytica non publicaron nada até que un informante deu conta do acontecido ante os medios de comunicación, preferindo a compañía ocultar o acontecido.
Deste volta Facebook mantén a mesma política de comunicación dos últimos meses: non negas as acusacións, senón que limítase a matizalas, asegurando que os acordos con outras compañías eran escrupulosos cos compromisos contraídos coa FTC e as empresas non accederon á información dos usuarios sen o seu permiso.

ACTUALIZACIÓN: Facebook realizou un novo comunicado no que aseguran que non permitiron a outras empresas acceder ás mensaxes privadas de Facebook, senón que explican que o que realmente fixeron é permitir que os sistemas de mensaxería de plataformas como Spotify ou Netflix permitisen que os usuarios se comunicasen a través destas plataformas cos seus amigos de Facebook, ou sexa, que facilitarían os permisos precisos para que fose posible a comunicación entre usuarios, o que non implica que as empresas externas puidesen acceder de xeito ilimitado ás mensaxes dos usuarios de Facebook.

PUBLICIDADE