Denuncian a falta de accesibilidade das televisións electorais galegas

luns, 26 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos meses os candidatos ao Goberno da Xunta do PSdeG e o PP estrearon páxinas web orientadas á distribución de vídeos cos que difundir as súas mensaxes, o que segundo publican en A Nosa Terra, faríase de costas ás persoas maiores e discapacitados por ignorar o cumprimento dos estándares de accesibilidade web fixados polos World Wide Consortium (o que non pasaría no caso de Quin.tv).
As administracións e as empresas que prestan servizos fundamentais están obrigados por lei a cumprir certas pautas de accesibilidade, para que practicamente calquera cidadán poida acceder aos seus contidos, pero os partidos políticos non están a seguir estas directrices, aínda que na súa defensa poderiamos dicir que os contidos audiovisuais na Internet teñen este problema en case todos os espazos existentes na actualidade, ou sexa, que os sistemas de publicación de vídeo considerados estándar na actualidade están baseados principalmente en tecnoloxía Flash, o que dificulta a súa accesibilidade.
Pero se deixamos de lado as probas de accesibilidade automatizada teriamos que unha grande eiva presente nos vídeos publicados na Internet é a carencia de subtítulos, pese a que é tecnoloxicamente posible, e mesmo dende plataformas coma YouTube instan á súa utilización, pois en combinación coa tecnoloxía de tradución de Google permítese aplicar a audiencia potencial dos contidos publicados na web.

PUBLICIDADE