«Dentro de 10 ou 15 anos haberá un impacto na automatización do traballo coma nunca» – Senén Barro, director científico do CiTIUS

venres, 12 de xullo do 2019 Redacción

Licenciado e doutor con premio extraordinario en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro é catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial. Entre 2002 e 2010 foi reitor da USC, tempo no que promoveu a internacionalización e a aposta emprendedora da universidade, conseguíndose o recoñecemento como Campus de Excelencia Internacional para o proxecto do Campus Vida. Fundador do Grupo de Sistemas Intelixentes, o primeiro grupo de Intelixencia Artificial de Galicia e un dos primeiros de España. Falamos con el para analizar que é o que está acontecendo no campo da tecnoloxía intelixente.


– A intelixencia artificial (IA) está moi de actualidade pero, para os que non teñan moita idea, que é?
– Digamos que é proxectar en máquinas comportamentos e capacidades que asociamos coa intelixencia nosa, dos seres humanos ou incluso dos animais. Por ser algo máis concreto poderíamos dicir que as máquinas intelixentes son máquinas que, en xeral, teñen unha gran capacidade de autonomía, teñen a capacidade de manexar un coñecemento experto do saber coma o ámbito da medicina ou da banca, ou son sistemas con certa capacidade de aprender, é dicir, que melloran as súas prestacións a medida que interacccionan coa contorna.

– Como evolucionou a IA durante os últimos anos e cara a onde camiña?
– O campo ten unhas décadas de vida, de feito o termo intelixencia artificial acuñase no 1956. O certo é que agora estamos a vivir un momento coma nunca. A intelixencia artificial tivo o que se chaman invernos e veráns na súa vida. Os invernos asociados a épocas de escasa repercusión e situacións onde non se acadaron as expectativas que se prevían para o campo. Os veráns asociados a momentos de descubrimentos significativos onde se volve a recuperar a ilusión por parte de todos os axentes que interveñen. Agora vivimos un momento absolutamente doce.

– Pódese aplicar a multitude de campos, un deles o da sanidade onde se acadaron grandes avances coma a detección do cancro como anunciou o Sergas a principios de ano, algo verdadeiramente incrible…
– En moitos dos ámbitos da medicina os avances en IA son realmente espectaculares, por exemplo hoxe nos diagnósticos de cancro sobre radiografía de tórax as máquinas son máis competentes que o máis experto dos seres humanos. Que ocorre? Que aínda a ser un dos ámbitos máis chamados para desenvolver a IA tamén é dos máis complexos en canto a lexislación, de aspectos éticos, da propia sensibilidade das persoas a ser tratadas por máquinas. Por iso os pasos que se están a dar son máis lentos.

– No campo empresarial, recentemente soubemos que Estrella Galicia é unha das empresas que está aplicando todo o potencial da intelixencia artificial dende os postos de dirección para coñecer datos do rendemento do negocio ata postos de comerciais ou do departamento de produción. De verdade pode axudar tanto á hora de levar a cabo un negocio?
– Moito. Digamos que cando falamos da automatización do traballo normalmente a xente tende a pensar en robots e é certo que levamos anos traballando con eles. Sen embargo, non asociamos tanto esta automatización co software e o certo é que cada vez máis é o software sobre as computadoras o que está a realizar tarefas que ata hai moi poucos anos só podían levar a cabo as persoas, por exemplo a xestión de correo, a xestión documental, bases de datos, etc. Hai un nivel de automatización en empregos de media cualificación enorme e cada vez máis intensos o que vai a provocar, sen dúbida, un impacto no horizonte de 10 ou 15 anos no traballo coma nunca en ningunha das revolucións anteriores.

– Nun ámbito máis cotián temos os xa famosísimos asistentes virtuais que nos facilitan xestos tan simples como apagar as luces ou programar un electrodoméstico, mesmo saber o tempo que vai facer mañá cunha sinxela pregunta ao aire. Semellan cousas futuristas pero que están acontecendo agora. Até onde van evolucionar estes asistentes?
– Os que temos agora son moi sorprendentes porque son os primeiros e chama moito a atención que poidamos dialogar. A forma máis potente e difícil para as máquinas é a comunicación verbal. Poder falar cunha máquina, tamén ata hai poucos anos, nos parecía moi difícil. Pero gustaríame dicir que o nivel de comprensión que teñen aínda é moi baixo. Podemos dialogar con eles, son capaces de identificar palabras clave e estruturas pero un diálogo coma o que estamos mantendo nós aínda estamos moi lonxe de logralo. Todo ese camiño é o que queda por percorrer.

– Sen dúbida para levar a cabo todos estes proxectos innovadores fan falla estudos. A implementación do grao en Robótica no campus de Lugo, é un grande avance?
– Si, o é. É o terceiro de España e non me cabe dúbida que detrás virán outros porque os estudos de robótica, en particular, xa teñen un altísimo impacto pero non só pola robotización industrial, tamén pola robotización persoal, a doméstica. Pensemos nas aspiradoras que cada vez son máis sofisticadas, ou robots que asisten a persoas con necesidades especiais. A robótica, a intelixencia artificial e as tecnoloxías da información e comunicación teñen un presente fantástico e un futuro cada vez mellor.

– Sen embargo, os máis novos semella que non ven as oportunidades deste sector. Como podemos facer para que os máis novos, incluso os nenos, vexan atractivo neste tipo de estudos?
– Eu penso que o ven, chámalle a atención. O problema é que é un mundo totalmente descoñecido porque na súa formación nos centros educativos non o están vendo. É aí onde levamos un atraso, en Galicia e en España no seu conxunto, respecto a outros países. Se non convives dun xeito máis íntimo con esta tecnoloxía é difícil que despois vaias a cursar estudos porque o ves con interese pero con medo.

– Falemos agora deste centro tecnolóxico. Que se desenvolve no CITIUS?
– É un centro de investigación en tecnoloxías intelixentes e iso significa IA e tecnoloxía satélite, por exemplo tecnoloxías da linguaxe natural, visión artificial ou aprendizaxe automático. Pero tamén desenvolvemos outras tecnoloxías como poden ser a computación de altas prestacións, indispensable no famoso Big Data, ou o desenvolvemento de dispositivos electrónicos que son capaces de percibir a contorna para poder coñecer o ámbito onde están operando e incluso tomar decisións en funcións do que está a ocorrer. Loxicamente somos un centro pequeno e non podemos atender a todo pero unha das nosas fortalezas é a diversidade dos ámbitos que cubrimos.

– É máis común que veñan as empresas en busca de solucións para os seus proxectos ou que o CITIUS desenvolva proxectos para despois ofrecer ao mercado?
Facemos as dúas cousas. O coñecemento mutuo entre universidade e empresa é cada vez maior, e desde logo neste centro é consubstancial á vida do centro. O vindeiro 12 de xullo imos a ter a 5ª Xornada de Portas Abertas para o mundo da empresa. É unha iniciativa onde facemos unha serie de demostradores da nosa capacidade de investigación que está camiño da transferencia ou que está transferida e o certo é que cada ano temos máis visitantes e ten máis repercusión. E algo positivo tamén é que todos os anos se derivan contratos e convenios co mundo da empresa precisamente desta xornada.

– É difícil conseguir a visibilización do que se realiza nun centro de investigación tecnolóxica?
– Unha das nosas fortalezas é que, sempre que a investigación que desenvolvemos entendemos que pode chegar a impactar na sociedade ou no tecido produtivo, o intentamos. Tanto é así que nos últimos catro anos creamos dúas spin-offs, Situm e Imagames, que xa entre as dúas dan traballo a máis de 40 persoas, máis persoas que o persoal estable deste centro. Cada vez nos é máis fácil transferir porque temos cultura diso, sabemos facelo mellor porque a experiencia anterior nos facilita o traballo e como xa demostramos éxito as empresas e a administración pública confía máis en nós. Aínda así é verdade que dende unha investigación se publica ata que acaba tendo un impacto real hai un camiño e unha inversión imprescindible.

– O obxectivo do CITIUS é manter un tecido investigador no país ou tamén potenciar a súa exportación?
– As veces os rapaces e rapazas que len aquí a súa tese de doutoramento se van fora porque teñen mellores condicións para seguir investigando, contratos con grandes empresas máis estimulantes non só de xeito económico, iso xa non é a nosa responsabilidade. Sentímolo porque nos gustaría que se quedaran aquí, porque teñen as mellores condicións e así devolvernos todo o empeño que fixemos. Nós non creamos emprego, axudamos a crear emprego. O noso fin ten que ser formar os mellores investigadores nas tecnoloxías intelixentes e ter o maior impacto da investigación que aquí facemos e penso que o estamos facendo ben, pero que tamén o podemos facer mellor.

PUBLICIDADE