Dende a SGAE pensan que a banda larga se vende coma un servizo de descargas ilegais

mércores, 7 de maio do 2008 Marcus Fernández

Enrique Loras, Eduardo Bautista e Francisco Galindo durante a presentación do informe de xestión de 2007 da SGAE

Onte a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) presentou en Madrid o informe de xestión de 2007, destacando 3 feitos: o reparto aos socios de preto de 400 millóns de euros, o investimento na sociedade en I+D+i con preto de 4 millóns de euros e o esforzo en promoción cultural, formación e asistencia social con máis de 14 millóns de euros.
Pero non por iso deixaron de aproveitar a ocasión para as súas reivindicacións, e o presidente do Consello de Dirección da SGAE, Eduardo Bautista, declarou que «os abonados de Telefónica, Vodafone ou Jazztel pensan que as descargas lle saen gratis, pero non é así, porque pagan por un servizo, moito máis lento, máis caro e de peor calidade que o acceso a ADSL da media europea. O que ocorre é que estas compañías o que venden en realidade é a posibilidade de baixarse obras protexidas legalmente sen ningún tipo de control».
Bautista non só cargou contra as operadoras que comercialización o ADSL en España, senón que tamén defendeu o canon dixital dicindo que finalmente só suporá 118 millóns de euros en 2008, moi lonxe dos 2.000 millóns de euros que aseguraba ASIMELEC.

PUBLICIDADE