Dell renova os seus portátiles XPS

xoves, 4 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Dell acudirá ao CES de Las Vegas cunha nova liña de portátiles da familia XPS, que destacan polo seu rendemento e por impactantes cambios no seu deseño ao facer que o seu touchpad sexa practicamente invisible, que a súas teclas de función pasen a ser táctiles e tamén incorporen a tecla de Copilot proposta por Microsoft para invocar funcións de intelixencia artificial en Windows 11.
Os novos equipos estarán dispoñibles co acabado en cor grafitou ou platino, así como en 3 tamaños de pantalla: 13, 14 e 16 polgadas. Os novos portátiles XPS contarán con paneis OLED (con opción táctil) e velocidade de refresco variable, son inmersivo con certificación Dolby Atmos, webcam Full HD e potentes procesadores Intel Core Ultra, que abren a porta a experiencias de intelixencia artificial baixo Windows 11, á vez que tamén contribúen a un mellor desempeño e unha maior autonomía. Tamén contan con ExpressCharge, tecnoloxía que permite que recarguen a súa batería até o 80% en só 60 minutos.
O portátil máis potente sería o XPS 16, que permitiría configuracións con até unha gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070, mentres que o XPS 14 podería equiparse como moito cunha RTX 4050, quedando o XPS 13 fóra da posibilidade de contar cunha gráfica dedicada.
Estes equipos chegarán en breve ao mercado, cun prezo que nos EE.UU. parte de 1.299 dólares para o XPS 13, 1.699 dólares para o XPS 14 e 1.899 dólares para o XPS 16.

Os novos equipos contan coa tecla Copilot proposta por Microsoft

PUBLICIDADE