Dell presenta un monitor curvo 5K de 40 polgadas que aposta polo confort visual

xoves, 4 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Co gallo do CES de Las Vegas Dell Technologies está a presentar o novo Dell UltraSharp 40 Culved Thunderbolt Hub Monitor (U4025QW), que presume de ser o primeiro monitor 5K de 40 polgadas en contar con certificación 5 estreas de confort visual de TUV Rheinland.
Estamos ante un monitor con certificación VESA DisplayHDR 600 cun panel IPS Black cunha resolución de 5.120 x 2.160 píxeles e unha velocidade de refresco de 120 Hz. Integra un sensor de luz ambiental para reducir o brillo e axustar a temperatura de cor en función das condicións de iluminación (buscando así reducir a fatiga visual).
Tamén conta con grande conectividade, como un cable Thunderbolt 4 capaz de achegar até 140 watts, toma de rede a 2,5 Gbps, HDMI 2.1, DisplayPort 1.1 e numerosos portos USB-C e USB-A para conectar todos os nosos accesorios, destacando polo feito de que un par de portos USB-C e 1 USB-A están agochados nunha peza retráctil accesible dende a parte frontal do monitor, o que resulta ideal para conectar dispositivos que non se empregan de xeito continuo (como pode ser unha unidade de almacenamento externo).
Paralelamente tamén presentan o Dell UltraSharp 34 Curved Thunderbolt Hub Monitor (U3425WE), cun panel de 34 polgadas cunha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, que busca adaptarse a quen precise dunha pantalla de menores dimensións, pero queira tirar proveito das vantaxes do seu irmán maior.
Espérase que estes monitores cheguen ao mercado a finais de febreiro, e o prezo do modelo de 40 polgadas en EE.UU. sería de 2.399,99 dólares, mentres que o modelo de 34 polgadas manteríase en 1.399,99 dólares.

Aparte do monitor de 40 polgadas Dell tamén comercializará unha versión con pantalla de 34 polgadas

PUBLICIDADE