Defuranchos: guía en liña para non perdernos á procura dos mellores ingredientes galegos

luns, 20 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A medio camiño entre negocios hostaleiros tradicionais e espazos familiares de celebración, os furanchos non son unha cousa nin outra, pero teñen algo diso e tamén do sabor e o arrecendo da cociña da avoa onde nos gustaba meternos de cativos e pasar alí o serán escoitando contos e cancións. Os tempos cambiaron, os furanchos pareceron ir costa abaixo pero agora semella que van de novo cara arriba, agora que xa estamos ben fartos de establecementos hostaleiros feitos en serie e substituíbeis un por outros, locais onde non hai quen cante porque che sacan fóra. A Rede axuda ao proceso, unha vez máis, tal e como descubrimos este luns, vía Chuza!, ao dar de cheo con Defuranchos.
Trátase dunha páxina que se presenta como “a páxina furancheira definitiva” e que nos será útil para localizar o que queda destes recantos do mellor da nosa gastronomía e a nosa cultura popular, todo visto a través dun mapa participativo da nosa xeografía para achegar ollo de paxaro sobre a vida furancheira.
A páxina en cuestión, que nos explica cousas básicas como o que son furanchos ou os obxectivos da web mesma (reivindicar un xeito propio e popular de facer vida social, gastronómico-hostaleira), vén da man dun grupo de internautas á par de visitantes habituais deste tipo de locais aos que se lles ocorreu unha desas ideas que só parecen abrollar no transcurso dun trance colectivo con feitura de festa: porque non facer disto un traballo, un xeito de gañármonos a vida? A gran vantaxe da idea é que superou a proba clave: a do día seguinte á festa, cando xa as cousas se van poñendo no seu sitio.
O resultado é a posta en marcha desta web, creada e desenvolvida para promover este tipo de actividade hostaleira galega, crear comunidade internauta arredor da mesma (favorecendo o intercambio de puntos de vista e o engadido de novos achados, opinións, encontros, festas) e impulsar ao máximo o seu coñecemento, sobre todo achegando pautas para irmos dereitiños cara o furancho que nos interesa e evitar perder tempo procurándoo. “En deFuranchos poderedes ver un listado ordenado por zonas para que vos sexa máis sinxelo localizalos se sabedes por onde estades ou ides estar; cada furancho ten unha pequena descrición, a maioría delas baséanse na nosa propia experiencia, e nalgúns casos podémosvos asegurar que é ampla e variada, mentres que noutros, que aínda non coñecemos, nos baseamos en comentarios doutras fontes”, comentan os responsables da páxina. E proseguen: “O obxectivo é conseguir o maior listado de furanchos e locais semellantes ao longo da xeografía galega”.

PUBLICIDADE