Declaran abusivo que Orange inclúa en ficheiros de morosos a exclientes aos que lles reclama débedas tras dárense de baixa

luns, 9 de xaneiro do 2023 Redacción

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra declarou abusivas as prácticas de Orange consistentes na inclusión de consumidores en ficheiros de solvencia patrimonial por débedas reclamadas tras a finalización da relación contractual (porque os clientes se dan de baixa ou realizan a portabilidade a outro operador) cando se opoñen ao seu pagamento, sen que nunca antes eses consumidores incorresen en ningún impagamento do debido á compañía nin fosen incluídos nos ficheiros de solvencia patrimonial por careceren de solvencia ou por presentaren risco de morosidade no cumprimento das súas obrigacións pecuniarias.
Desta forma, o maxistrado acolleu parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal fronte a Orange Espagne e condenouna a cesar de inmediato nas prácticas abusivas descritas, así como a absterse de reiteralas no futuro. Ademais, ordenou que pague a publicación da parte dispositiva da sentenza no diario máis lido segundo o Estudo Xeral de Medios, pois hai consumidores afectados en toda España. No caso de que reitere as prácticas abusivas prohibidas, segundo establece o titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra na resolución, impoñeránselle multas coercitivas de 60.000 euros por cada reiteración.
Na sentenza, que non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, subliña que a empresa inclúe a exclientes en ficheiros de solvencia patrimonial “polo mero feito de se negaren ao pago dunha cantidade facturada, independentemente do motivo da oposición ao pago”. Así, destaca que Orange veu mantendo “como práctica habitual con antigos clientes que xa se deron de baixa nos seus servizos, mesmo aos que prestaba eses servizos de maneira defectuosa, a de incluír os seus datos en ficheiros de solvencia patrimonial por falta de pagamento de débedas reclamadas unha vez finalizada a súa relación contractual con eles, a pesar de que eses clientes nunca faltaran ao pago doutras débedas con anterioridade”. Ademais, engade que, na maioría dos casos, se trata de débedas de escasa contía.
“Cando a débeda non foi xudicialmente reclamada, unido ao feito de que a persoa afectada nunca incorrera en impagos nin fora incluída por outros acredores en ficheiros de morosos con anterioridade, non existe motivo real para dubidar acerca da súa solvencia patrimonial, nin tampouco para poder considerala como alguén que ten risco de incorrer en morosidade no cumprimento das súas obrigacións pecuniarias en xeral”, recalca o maxistrado, asemade conclúe que a inclusión das persoas que se atopan nestas circunstancias neses ficheiros “só pode ter o obxectivo real de prexudicar a súa reputación, a modo de vendeta, por opoñerse ao pago dunha débeda que Orange considera lexítima, ou ben o de servir de medio de presión para que se preguen ás esixencias da empresa e procedan a pagar a débeda cuxa procedencia inicialmente discutían”.
Así, incide en que “nos atopamos ante unhas prácticas abusivas, consistentes nunha presión ilexítima dirixida a que os afectados paguen débedas controvertidas, que vulneran os dereitos máis básicos dos consumidores (incluído, xeralmente, o dereito fundamental ao honor)”. O xuíz explica que o fin perseguido coa inclusión de datos persoais dos clientes nos ficheiros de solvencia patrimonial “ten que ser exclusivamente o de lles ofrecer aos usuarios de tales ficheiros información sobre a solvencia desas persoas cuxos datos se incluíron, co obxecto de previr a morosidade”. Co cal, recalca que “non pode considerarse como fin lexítimo da inclusión de datos o de inducir as persoas afectadas a satisfacer as débedas ou supostas débedas cuxo impagamento se recolle no ficheiro”, unha cuestión que o xuíz lembra que foi confirmada pola xurisprudencia do Tribunal Supremo.

PUBLICIDADE